Bisbarra, 7 de marzo do 2023 – A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, levará a presunta prevaricación da Xunta de Galicia no caso do parque eólico Campelo, en Santa Comba, á Fiscalía Xeral do Estado.
Adega explica que a denuncia presentada ante a Fiscalía de área de Santiago ven de ser arquivada polo que recorrerá á Fiscalía Xeral. A organización ecoloxista lembra que a denuncia preséntase contra un “indulto millonario da Xunta á empresa Greenalia”.
Pedirán ademais a creación formal dunha fiscalía anticorrupción en Galicia e advirten de que se está dando un “posible caso de corrupción xeneralizado na tramitación de parques eólicos en Galiza”.
Le de novo todos os pormenores da denuncia presentada: https://lindeiros.net/adega-xunta-denuncia-prevaricacion/
Un presunto arquivo de dilixencias ilegal
Adega explica que o denunciado pode ser comprobado pola Fiscalía examinando a normativa en vigor. Porén o Decreto de arquivo das dilixencias explica que “a práctica de posteriores dilixencias de investigación resulta superflua”. O Decreto engade que se solicitou da Xunta un informe pero dito informe non inclúe na explicación do sucedido ningunha normativa aplicable.
A organización ecoloxista desvela ademais que o informe da Xunta “manifesta graves falsidades, como que a opción pola monetización dos proxectos industriais non estaba sometida a límite temporal”. Adega lembra que a Orde publicada no DOG nº 61 de 31 de marzo “deixa ben claro o momento en que había que optar pola monetización: ou se optaba naquel momento, ou se renunciaba ao procedemento”.
ADEGA considera que o arquivo da denuncia por parte do Ministerio Fiscal resulta “absolutamente escandaloso e contrario á salvagarda da legalidade e do interese xeral que resultan inherentes a dita institución”. Por outra banda, explican, asumir o decreto de arquivo é “aceptar que con pedir un informe á parte contraria, sen comprobar si é certo o que pon, é suficiente para concluír que non hai ilegalidade”.