Compostela, 29/09/2026 – ADEGA espera que o Observatorio Galego da Biodiversidade inclua hoxe martes ao salmón no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).
Na orde do día da reunión que celebra o Observatorio inclúese esa solicitude e o grupo ecoloxista espera que sexa aceptada. ADEGA lembra que “a Xunta ten maioría, e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da conta do expediente de catalogación”.
Desde o mes de xaneiro pasado distintas entidades conservacionistas veñen solicitando a catalogación do salmón atlántico galego como especie en perigo de extinción, presentando por rexistro toda a documentación requirida.
O procedemento administrativo fixado no Decreto 88/2007 establece un prazo máximo de 6 meses (art. 7.5) para que a administración resolva as solicitudes feitas a instancia de parte, como é o caso.
Para ADEGA é un éxito da campaña #AlertaSalmónGalego que conseguiu reunir máis de 3.000 sinaturas. Explican que se trata de salvar a unha especie que estamos a piques de perder polo maltrato dos ríos e océanos e por unha ineficaz xestión. Precisamente hai uns días, o Comité Científico de Fauna e Flora do Ministerio ditaminou tamén a favor de incluír o salmón no Catálogo Español de Especies Amenazadas (CEEA) na categoría “En perigo de extinción”.

Os ecoloxistas son críticos coa postura da Xunta ata este momento. Din que “chama moito a atención a postura da Xunta [] Primeiro, ignorando a petición de xuntanza (abril de 2026) do Observatorio Galego da Biodiversidade para debater a situación da especie; e tamén a petición de suspender a celebración do concurso de pesca no Ulla, que finalmente tivo lugar o pasado mes de maio co previsíbel resultado de 0 (cero) capturas”.
Engaden que a administración autonómico deixou pasar o prazo legal establecido para dar resposta a súa solicitude e deixando que fora o silencio administrativo o que resolvera a petición de catalogación. A isto únese que a Xunta non convocou ningunha reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade en todo 2025, incumprindo a lei
ADEGA celebra que o salmón galego vaia gozar da protección que merece, coa consolidación da prohibición total da súa captura, sen excepcións. Tamén advirten de que isto no é suficiente “a Xunta debe aprobar con urxencia o plano de recuperación da especie para reverter a súa situación crítica, con medidas e orzamento para mellorar o hábitat e reducir os impactos”.
Poñen de exemplo casos como a recente represa do Umia ou proxectos como a reapertura da mina de Touro-O Pino, “bendicidos pola Xunta, son un triste exemplo do que non se debe facer se queremos seguir tendo salmóns nos nosos ríos”.
