A campaña “Xustiza para o Ulla” publica un decálogo que desminte varias das información publicada por ALTRI. A campaña de recadación de fondos acadou xa o 75% do capital necesario.
A Asociación para a Defensa ecoloxista de Galicia, ADEGA, segue avanzando na campaña “Xustiza para o Ulla” en dúas frontes. Por unha banda a recadación de fondos para os primeiros trámites legais en oposición a ALTRI acadou xa o 75% do necesario en esta primeira fase.

Por outra parte ven de publicar un decálogo que ten como obxectivo desmentir moitas das afirmacións que desde a pastera portuguesa se publican de cando en vez. O primeiro exemplo é afirmación de que non son unha “macrocelulosa e fabricarán fibras”; ADEGA lembra que ocuparán 366 hectáreas, 8 veces o tamaño da celulosa de Pontevedra e 9 veces o tamaño da celulosa de Navia, e fabricarán 400.000 toneladas de celulosa (pasta soluble DWP) e 200.000 t de lyocell ao ano.
En segundo lugar afírmase que só usarán o eucalipto xa existente. Isto segundo ADEGA non chegaría para abastecer a fábrica polo que terían que plantar entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, que se engadirían ás 600.000 actuais en masas puras e mixtas) ou sen importar un volume considerable de madeira.
O terceiro punto ten que ver coa afirmación de ALTRI de que non é certo que non os queiran en Portugal. A realidade é que xa recoñeceu anteriormente que inviste en Galiza por falta de eucaliptos en Portugal para a súa industria, logo das restricións ás plantacións que se impuxeron no país veciño tras a vaga letal de incendios en 2017.
O cuarto punto do decálogo é a afirmación de que non destruirán a contorna natural xa que crearán un “cinto verde de especies autóctonas”. Segundo ADEGA ALTRI proxéctase ás portas da ZEC Serra do Careón e nunha zona de ampliación da Rede Natura. Non é viable ningunha proposta compensatoria ou paliativa mediante translocación de especies ameazadas e endemismos.
No quinto posto está a afirmación de que son “compatibles con selos de produción ecolóxica”. O certo é que a calidade do produto baixará, e existe risco de rexeitamento das persoas consumidoras perante un produto ecolóxico procedente dos arredores da celulosa.
Na sexto lugar falase de que non se consume auga cando a realidade é que ALTRI faría un uso consuntivo da auga, xa que non devolvería toda a captada, nin nas mesmas condicións nin no mesmo lugar de onde a extraería. Precisaría 46 millóns de litros/día, pero vertería só entre 12 e 30 millóns, de maneira que consumiría entre 16 e 34 millóns (máis que Compostela ou A Coruña, respectivamente).
A sétima liña do decálogo de presuntas falsidades está que “a lexislación impide que un proxecto industrial europeo dane a saúde. As emisións de partículas están moi por baixo do que esixe a normativa”. A pastera portuguesa non ten en conta as emisións de partículas finas PM 2.5, problemáticas para a saúde pública e o medio ambiente; nin de dióxido de carbono e monóxido de carbono. As súas emisións son superiores ás de Ence-Pontevedra e ás do conxunto das celulosas do Estado.
No oitavo lugar están as contas sobre o número de postos de traballo. Falan de 500 directos e 2.000 indirectos. O certo é que o 29 de decembro de 2022, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mentres anunciaba a declaración da celulosa como “proxecto industrial estratéxico”, falou de 2.500 postos directos.
Na novena liña de este decálogo está que o proxecto non variou e é o mesmo desde que se iniciou. ADEGA explica que o baile de cifras sobre produción foi constante. Inicialmente, produciría ao ano 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell. En febreiro de 2022, ALTRI falaba de 200.000 t de celulosa e 100.000 t de lyocell. En setembro dese mesmo ano, revisou as cifras: 200.000 t de celulosa e 60.000 t de lyocell. E finalmente, Altri podería fabricar ata 400.000 t de celulosa e 200.000 t de lyocell para industria téxtil ao ano.
Para rematar ALTRI asegura que non afectará ao camiño de Santiago nin ao turismo. O propio ICOMOS alertou sobre o “forte impacto” da industria “na paisaxe que define a ruta xacobea” e os seus elementos arquitectónicos.
A recadación de fondos avanza a bo ritmo
A campaña de doazóns impulsada por ADEGA para emprender a loita xudicial contra a celulosa de ALTRI vén de superar os 30.000 euros recadados en pouco máis dunha semana. A organización ecoloxista lanzou o micromecenado Xustiza para o Ulla o pasado venres, 28 de marzo, co obxectivo de reunir os fondos necesarios para a defensa xurídica do Ulla e da ría de Arousa fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino.
O actual reto de recadación, vinculado á loita contra a celulosa, superou xa o 75% do obxectivo de recadación, que ascende a 39.100 euros. Estes fondos permitirán a ADEGA enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.
ADEGA irá lanzando novos obxectivos económicos conforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta de Galiza que sexan favorables á execución da fábrica de celulosa de Altri ou á mina de Touro-O Pino.
Os custos da loita xurídica (recursos, demandas, medidas cautelares, informes periciais, eventuais caucións e/ou costas…) contra ambos os dous proxectos poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais que haxa que emprender nos vindeiros meses, mais se a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles, estes poderían superar os 100.000 euros.
ADEGA mostra o seu fondo agradecemento a todas as persoas que están contribuíndo coa campaña “Xustiza para o Ulla” e chama a facer un último esforzo de recadación para superar con éxito este primeiro obxectivo, que permitirá presentar dous contenciosos contra o proxecto de celulosa.