Lindeiros Medio Ambiente, 04/07/2026 – O proxecto de ALTRi para Palas de Rei intenta seguir adiante co que aseguran que é un informe independente que demostra que compren a normativa europea DNSH. Tras estas siglas agóchase a frase “Do No Significant Harm” o “No causar un perjuicio significativo al medioambiente”.
Ao mesmo tempo a asociación ecoloxista ADEGA asegura que dito informe, emitido pola certificadora Bureau Veritas, “é un insulto á intelixencia que non tapa as vergoñas do proxecto. Mentres, o proxecto aínda non foi arquivado pola Xunta”.
O informe
O documento presentado hai uns días por ALTRI ve dicir que “no ámbito da avaliación realizada, é plausible considerar que o proxecto non vai causar un prexuízo significativo sobre o seis obxectivos ambientais establecidos pola normativa europea: Mitigación do cambio climático, Adaptación ao cambio climático, Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariño, Economía circular, Prevención e control da contaminación e Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas”.
Segundo explica ADEGA o informe trata de “condicionar a decisión da Xunta que ten que resolver o procedemento de AIA (Autorización Ambiental Integrada) para a súa macrocelulosa en Palas de Rei, feito que polo momento non tivo lugar”.
O Principio DNSH é unha condición definida pola Comisión Europea que obriga a asegurar que un proxecto non afecta negativamente a ningún dos 6 obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020. Eses obxectivos serían:
a) mitigación do cambio climático;
b) adaptación ao cambio climático;
c) uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños;
d) transición para unha economía circular;
e) prevención e control da contaminación;
f) protección e recuperación da biodiversidad e dos ecosistemas.
Compre ALTRI eses principios?
ADEGA considera que “non dan nin unha” e engade que de feito os incumpre todos. Sobrea á mitigación e adaptación ao cambio climático (obxectivos a e b), o proxecto e ALTRI oculta a súa pegada de Carbono (CO2 e CO) xa que queima licor negro, lamas de depuradora e da codia e restos de madeira, para a produción de vapor e a xeración de electricidade, “é un foco importante de emisións destes gases de efecto invernadoiro”.
ADEGA continúa explicando que ALTRI tampouco informa sobre as emisións de amoniaco (NH3), compostos orgánicos volátiles distintos do metano (COVNM), óxido nitroso (N2O), dioxinas e furanos (PCDD+PCDF), carbono orgánico total (COT), metano (CH4), mercurio (Hg), cadmio (Cd), zinc (Zn)… Facendo unha estimación por comparación con outras industrias similares, as emisións en gases de efecto invernadoiro da macrocelulosa de ALTRI, principalmente CO2, poderían abeirar as 100.000 t/ano, se non máis. Os ecoloxistas se preguntan “Como é posíbel afirmar que o proxecto contribúe á descarbonización e á mitigación do cambio climático se nen sequera informa de cantos gases de efecto invernadoiro emite?”.
Outra das áreas que máis debate xerou desde o inicio foi o uso dos recursos hídricos (obxectivo c). ADEGA lembra que o proxecto demanda de 46.000 m3/día, dos que consumirá 16.000 e devolverá ao río outros 30.000 con alta carga contaminante, algo que “condicionará o balance hídrico en toda a bacía do Ulla nun contexto de mudanza climática que ALTRI esqueceu considerar”.
No canto da transición a unha economía circular (obxectivo d), o modelo de ALTRI non pecha os ciclos produtivos en Galiza, senón que fabrica unha materia prima destinada á exportación, na súa maioría a Asía, tal e como acontece coas súas factorías de Portugal. “Lonxe de pechar o ciclo produtivo da madeira, contribuiría a acentuar a especialización da cadea forestal galega en produtos intermedios característicos dos primeiros elos da cadea. Tampouco existe circularidade no que atinxe á utilización de residuos téxtiles, que non está contemplada no proxecto: apenas se limita a unha posíbel opción futura sen concretar data nin outros detalles” din desde ADEGA.
Pola banda da prevención e control da contaminación a listaxe de contaminantes atmosféricos declarados “incumpriría os mandatos da Directiva 2010/75 ao ocultar datos sobre unha morea de contaminantes que emite, perigosos para a saúde e o ambiente”. Segundo ADEGA “a Xunta, en aplicación dunha sentenza do TEX, debería ter obrigado á empresa a declarar todas as substancias suxeitas a emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación”.
Finalmente na protección da biodiversidade e dos ecosistemas (obxectivo f), o proxecto de ALTRI ocultou que ocuparía un territorio proposto pola Xunta para integrar a Rede Natura 2000 e posteriormente na Estratexia de Infraestrutura Verde, como recoñeceu unha recente sentenza do TSXG. ALTRI ocultou tamén a presenza de endemismos botánicos en perigo de extinción e outras especies ameazadas, e noutros casos alterou a súa ubicación, malia a existiren citas recentes que certifican a presenza destes raras especies nos seus terreos.
Dende ADEGA “preguntámonos como é posíbel que ALTRI pretenda vender de novo (informe pagado mediante) que o seu proxecto contribúe á descarbonización e ao uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños, a reducir a contaminación ou a permitir recuperar a biodiversidade dos ecosistemas”.
