Ordes, 8 de marzo do 2021 – O BNG de Ordes denuncia que o goberno de Ordes paraliza deliberadamente a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbana.
O documento urbanístico foi aprobado inicialmente en marzo do 2016 e cinco anos despois segue sen levarse a pleno a aprobación provisional. Os nacionalistas de Ordes consideran que o retraso, sendo un goberno con maioría absoluta, demostra a intencionalidade do equipo de goberno de José Luís Martínez.
Sen reunións
A falta de interés do gobernomunicipal de Ordes pódese tamén comprobar, según os nacionalistas, polo escaso número de reunións mantidas. O voceiro do BNG, Pablo Vidal, lembra que “desde a aprobación inicial o 16 de marzo de 2016, nestes cinco anos celebráronse tan só seis reunións para tratar o documento, tendo lugar catro durante o ano 2018 e dúas no ano 2019”.
Tamén explican que a resolución das alegacións tardou practicamente un ano en ser abordada polo pleno da corporación. O BNG achacan este feito “á necesidade do goberno municipal de aparentar ante a veciñanza que se producen avances no P.X.O.M., mentres por outra banda mantense atascada a tramitación da aprobación provisional do documento”.
Vidal compara o caso de Ordes co dos concellos veciños de Oroso e de Mesía, onde segundo manifesta “mentres en Oroso e Mesía foron quen de tramitar completamente un P.X.O.M. nun período de tres e catro anos respectivamente, en Ordes un goberno en maioría absoluta do PP non é quen de pasar da aprobación inicial á provisional nun período de cinco anos”. Desde o BNG botan en falta que logo de cinco anos “sigamos sen dispoñer dun documento refundido que recolla as modificacións derivadas das alegacións formuladas pola veciñanza e dos informes sectoriais recibidos”.
Pablo Vidal insta ao alcalde a “retomar seriamente a tramitación do P.X.O.M., evitando a tentación de empregalo como ferramenta electoral no ano 2023”, advertindo ademais que ”canto mais se demore, mais hipotecado ficará o futuro deste concello, deixando escapar a outros concellos empresas e veciñanza”.