Teo, 5 de abril do 2021 – A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do Rego das Laxes, no concello de Teo.
Os traballos no Rego das Laxes estanse a desenvolver ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Recesende, no lugar de Vilanova.
As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-Centro e as súas zonas de acceso e protección.
Este tipo de traballos permite a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.