Ames, 28 de marzo do 2018 – O goberno de Ames e Ames Novo chegaron a un acordo para a aprobación dos orzamentos do presente ano, tal e como anunciaron o alcalde, José Miñones, e o portavoz de Ames Novo, Quique Costas.

O acordo global, que permitirá a aprobación dos orzamentos, recolle tamén unha serie de compromisos que reforzarán as partidas destinadas a servizos sociais, á mocidade, á adquisición dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro, e á ampliación do programa de prevención de incendios, entre outras medidas. O novo documento segue a liña marcada polo aprobado no 2017 no cal se incrementou o peso dos servizos sociais e se fixo unha importante apertura de novas coberturas, a través da Renda social municipal e das Axudas para a saída de situacións de emerxencia. Tamén se apostou polo reequilibrio territorial, realizáronse investimentos para corrixir o déficit dotacional do Milladoiro, así como para a mellora da accesibilidade, fomentouse o incremento da participación veciñal, e incorporáronse novas partidas que abordasen novas necesidades.
Unha vez valorado o proxecto definitivo de orzamentos resultante da negociación, o grupo municipal de Ames Novo comprometeuse a apoiar a aprobación dos mesmo, segundo indican nun exercicio de responsabilidade para posibilitar avances nas políticas e a satisfacción de necesidades do Concello, que non serían posibles na prórroga do orzamento de 2017, particularmente o Programa Impulsa Ames, que é financiado en gran parte con fondos europeos, e maila adquisición dos terreos para o novo CEIP do Milladoiro, que será executado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Dotación do crédito necesario para a Renda social
Por outra banda, no caso de esgotarse o crédito destinado á Renda social e as Axudas para a saída de situacións de emerxencia, procederase á ampliación do crédito mediante a transferencia que sexa necesaria doutras partidas. Tamén se acorda desenvolver unha campaña de divulgación das modalidades de axuda social contempladas na ordenanza da Renda social, que faciliten a demanda de acceso á mesma das persoas que se encontran nas situacións que na mesma se prevén. Esta campaña deberá ser consensuada entre ambas partes.
Ademais, desenvolverase mediante a contratación do/a técnico/a xa incluído/a nos orzamentos de 2017, e poñendo os medios adicionais que puidesen necesitarse, os estudos necesarios para o proceso de remunicipalización do Ciclo integral da Auga. Outros dos compromisos adquiridos son continuar coa implementación duns orzamentos participativos; así como negociar e pactar conxuntamente o destino das cantidades que resulten como ampliación de crédito do acordo entre a FEMP e o ministro Montoro para investimento do superávit de 2017. Esta ampliación será considerada e tratada como parte inseparable de dito orzamento.
Por último, dito acordo recolle o compromiso de crear unha comisión mixta para os seguimento do cumprimento e execución tanto do orzamento como dos contido de dito acordo político.