A entrega dos bens a Vedra formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a publicación no DOGA, que tivo lugar onte, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega
Santiago de Compostela, 8 de novembro do 2016 – O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a aprobación da transferencia ao Concello de Vedra do tramo urbano da estrada AC-240, ao seu paso polo núcleo de Ponte Ulla. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar este anuncio: goo.gl/N4dxvH
O Concello de Vedra solicitou ao Goberno galego o cambio de titularidade deste treito da estrada autonómica AC-240, de 250 metros de lonxitude, que pasa polo termo municipal atravesando o solo urbano de Ponte Ulla.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais así como de elementos funcionais e espazos da zona de dominio público adxacente.
Este cambio de titularidade tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O procedemento establecido nesta Lei permitiu axilizar este tipo de expedientes, que son beneficiosos para a Xunta de Galicia, ao non ter que explotar un elemento funcional que deixou de ter funcionalidade, e para o Concello, xa que permite a súa utilización para fins de interese público e municipal.
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Corresponderanlle ao Concello de Vedra, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.