Compostela, 6 de decembro do 2018 – Santiago contará desde hoxe cun novo espazo gastronómico baseado no produto, e de raíces claramente galegas, baixo o nome de Boanerges.
Boanerges foi o nome que Xesús dou aos Apóstoles Santiago e Xoán e quere dicir fillo do trono, unha clara referencia a cidade que o acolle. Como o estoupido que o propio nome suxire este mercado busca sorprender con 10 postos de marcas contrastadas e unha estética a cabalo entre a modernidade e o vitoriano. Situado no Restollal, ao carón do Corte Inglés, un paseo polo interior fainos viaxar ata as antigas prazas de abastos, á revolución industrial, aos portos de ultramar… madeira e ferro combínanse creando pequenos lugares nos que sentarse a disfrutar dunha boa comida, unha idea decorativa que a algúns recordaralle ao steampunk.
Produto e raíz
Unha conversa con Iago Díaz, o xerente, deixa clara a ilusión de todos os que forman parte do proxecto. Cóntanos como o produto é a base da que nace todo o concepto
É un espazo pensando para ser visitado, que quere atraer a xente de todas partes sabedores de que a gastronomía é unha das principais motivacións para visitar Galicia
Non só os turistas teñen un espazo en Boanerges, a súa ubicación nunha das principais entradas da cidade é un reclamo para as vilas da contorna de Compostela
Como colofón de esta idea de negocio a presenza dun chef con estrela Michelín como Yayo Daporta é unha garantía da cociña que se servirá
Boamar
Na segunda planta de Boanerges atopamos o restaurante Boamar de Yayo Daporta. O chef mostra tamén a ilusión de abrir un novo espazo e considera un orgullo que contaran con el
Yayo define ser cociñeiro en Galicia como unha bendición e de novo aparece o produto como base do traballo que fai este chef
A oferta de Boamar recolle a experiencia do restaurante de Cambados e estará a cabalo entre a cociña de autor e unha oferta pensada para un público máis amplo
Aproveitamos a conversa para falar do Grupo Nove, un grupo de cociñeiros unidos polo amor ao recetario galego e á cociña máis tradicional
Máis de 1.000 m2 dedicados á gastronomía
Situado na rúa Monte do Seixo, o novo Mercado de Boanerges alberga 10 postos gastronómicos, ademais do restaurante Boamar, unha vinoteca, unha cervexaría, unha cafetería e unha coctelería.
Conta cun total de 1.085 m2 distribuídos en dúas plantas, tres terrazas e un aparcadoiro propio.
Na planta do mercado atópanse os dez postos de alimentación, cada un deles dedicado a un produto xenuinamente galego. Esta mesma planta rúa alberga tamén unha cafetería xestionada por Qualery e dedicada ao café 100% arábico de especialidade (abre desde as 8:30 h e ofrece repostería e almorzos); unha vinoteca con representación de todas as denominacións vinícolas galegas (Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) e unha cervexaría (que leva o selo de Estrela Galicia), así como unha zona degustación (con mesas altas e baixas individuais ou para compartir) e dúas terrazas (unha acristalada e aclimatada para o inverno). Tanto no exterior como no interior contan con servizo de mesa.
Boamar é o restaurante situado na segunda planta e que leva o selo de Yayo Daporta. A súa cociña ten marcadas raíces galegas pero debidamente actualizada. Na carta pódense atopar algúns clásicos do chef como a súa versión do cocido galego (cunha presentación moi actual pero cos sabores de sempre potenciados ao máximo), mariscos tratados de forma moi directa con coccións moi controladas (como os mexillóns á brasa ou as zamburiñas) e pratos xurdidos das súas viaxes polo mundo como o chilli crab de centola e gambones ou a arepa de vaca vella galega e ají amarelo.
Na planta superior, Boamar comparte protagonismo con Boavoa, unha coctelería dirixida polo bartender de orixe galega Marco Martínez, quen conta con experiencia no hotel Princesa de Yaiza (Lanzarote) e en The Ritz Carlton Abama (Tenerife). Baseándose nos mellores destilados do mercado (con especial atención aos de manufactura galega) e en técnicas da alta cociña ( maceracións, infusións, afumados e fermentacións), Marco deseñou unha carta de cócteles na que non faltan grolos clásicos cun twist persoal (envellecen e maceran os destilados para achegar complexidade e matices) e creacións de autor nas que priman a creatividade e a artesanía (elaboran os seus propios zumes e siropes).
[ngg src=”galleries” ids=”100″ display=”basic_slideshow”]
Un espazo para visitar con calma, perfecto para quedar cos amigos pero tamén para unha comida de negocios. Unha nova oferta que continúa facendo de Compostela unha referencia gastronómica cada vez máis coñecida dentro e fora de Galicia.