Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Compostela
  • Xeral

Abraham e Isaac móstranse a Compostela

As estatuas recuperadas de Abraham e Isaac expóñense desde este xoves no Museo do Pobo Galego

IMG_20251211_192725

Despois da recepción de Abraham e Isaac que medios e gobernantes fixemos hai uns días este xoves chegou o momento de que a veciñanza puidera acceder a elas. Un acto no que se definiu a loita da última década como un “triunfo colectivo”.

Na sala sur do Museo do Pobo congregáronse representantes de tódalas institucións do estado. Desde a Delegación do Goberno ao Concello pasando Pola Xunta, a Universidade e por suposto o propio Museo que acolle a Abraham e Isaac.

Xunto ás institucións estiveron tamén moitos outros que axudaron á restauración do patrimonio. Xuristas, historiadores, arquiveiros, funcionarios… un conxunto de persoas que á marxe de ideoloxías traballaron unidas para o país.

O acto

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, encabezou o acto de apertura ao público da sala do Museo do Pobo Galego onde permanecerán expostas as esculturas de Abraham e Isaac, restituídas ao Concello de Santiago por sentenza xudicial do Tribunal Supremo tras máis de 70 anos en mans da familia Franco.

No acto tamén interviron os alcaldes das dúas corporacións anteriores que participaron no proceso xudicial para a recuperación deste patrimonio, Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo, e a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concepción Losada.

A sala, alén das dúas esculturas que foron recollidas no pazo de Meirás o pasado 1 de decembro, inclúe unha liña do tempo sobre historia das pezas e un audiovisual que forma parte do proxecto KosmoTech_1200, da USC e do CISPAC, centrado na reconstrución do coro do Mestre Mateo e do conxunto do nártice do Pórtico da Gloria incluída a fachada exterior, onde estaban situadas as dúas esculturas.

O público ten ao seu dispor ademais unha folla de sala que inclúe códigos QR para acceder a materiais sobre o proceso creativo do Pórtico da Gloria, o periplo das estatuas até a súa devolución ao Concello de Santiago e a súa relevancia na cultura galega e europea.

Un triunfo colectivo

A alcaldesa cualificou a restitución das estatuas como “un triunfo colectivo” e fixo fincapé en agradecer e recoñecer o labor de quen, ao longo destes anos, formou parte do grande equipo que, dunha maneira ou outra, defendeu a democracia, a liberdade e a xustiza. Nese grande equipo incluíu desde xuristas e persoas arquiveiras até as distintas corporacións, desde especialistas en historia e documentación até entidades de recuperación da memoria histórica.

Neste sentido, tamén vinculou este proceso á loita pola recuperación do pazo de Meirás por parte tanto de colectivos que traballan a prol da Memoria como desde as institucións, e que rematou coa declaración de Meirás como BIC e coa obriga de abrilo ao público.

A rexedora lembrou as dúas loitas, tanto a da recuperación de Meirás como a da restitución das esculturas, están ligadas entre si e que, ademais, acaban unindo dous concellos, o de Santiago e o de Sada, representados no acto desta tarde polos alcaldes e alcaldesa das tres corporacións compostelás que participaron no proceso, Martiño Noriega, Xosé Sánchez Bugallo e a propia Goretti Sanmartín, e os dous alcaldes das correspondentes corporacións de Sada, Abel López Soto e Benito Portela.

Goretti situou as dúas loitas como parte do mesmo relato, a da loita contra o espolio do patrimonio do pobo galego por parte da familia Franco e a do triunfo colectivo na recuperación deste patrimonio que  tamén contribúe a combater o relato dos vencedores.

“Estas esculturas son vosas, de todas e todos nós, e dinnos hoxe, alto e claro, que nunca máis, que o fascismo é a morte, é o temor, é a violencia, a falta de liberdade da maioría fronte os privilexios absolutos do aparato do réxime. Abraham e Isaac dinnos o moito que perdemos co fascismo, son metáfora de todas as formas de represión do totalitarismo” asegurou a rexedora.

 Sanmartín tamén aproveitou para convidar a todo o mundo a visitar o Museo do Pobo Galego para fotografarse coas dúas esculturas e convertelas nunha referencia máis da loita contra a represión, ao igual que ocorre coa escultura que presenta As Marías, Maruxa e Coralia Fandiño, na Alameda e que é un dos enclaves máis fotografados da cidade.

Pola súa banda, Concepción Losada agradeceu a escolla do Museo do Pobo Galego como “acomodo temporal” das dúas esculturas asegurando que “somos a continuación do Museo municipal de Santiago e estamos ben orgullosas de custodiar os seus bens”,. Tamén indicou que “as visicitudes polas que pasaron estas dúas estatuas son o mellor exemplo da memoria do pobo galego”.

Os dous rexedores das dúas corporacións anteriores, Mantiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo tamén coincidiron en cualificar a xornada de hoxe como un triunfo colectivo” que transcendeu os mandatos e as cores políticas.

Martiño Noriega, que comezara o proceso que agora remata coa restitución das pezas, asegurou que “é importante tomar decisións arriscadas e hai practicamente unha década tomamos unha decisión arriscada para traer hoxe aquí a estes dous veciños de pedra espoliados pola ditadura” e  puxo en valor o feito de que “pasaron tres alcaldías e perseverouse ata hoxe”.

Xosé Sánchez Bugallo aproveitou para facer un repaso por diferentes momentos do proceso, situando o inicio na busca de documentación no Arquivo municipal onde estaba depositada a escritura de compra-venda das dúas pezas.

Neste acto institucional de recepción das esculturas e de apertura da sala onde permanecerán expostas ata o vindeiro mes de maio, participaron representantes de diferentes institucións como a Xunta de Galicia, Delegación do Goberno, Parlamento, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, Deputacións da Coruña e de Lugo, Museo de Pontevedra, a Fundación Catedral, a Corporación Municipal, o Padroado do Museo do Pobo Galego, asociacións veciñais e culturais de todo o concello, así como numerosa veciñanza compostelá que quixo participar neste día histórico para Compostela e para Galiza.

Vídeo completo do acto

Post navigation

Previous: Muros, casas e cerámica romana no Castro da Croa
Next: Frades recupera o azude do río Tambre na área recreativa da Presa

Máis novas

Alex-Doval-alcalde-Oroso-slide-17-xullo-2023_6764_r
3 minutes read
  • Xeral

Municipais 2027: Alex Doval, alcalde de Oroso

ames reconhecemento extraxudicial 14 setembro 2026
6 minutes read
  • Xeral

Novo recoñecemento extraxudicial do concello de Ames

Rois: O Pleno aproba volver licitar o Servizo de Axuda no Fogar
4 minutes read
  • Xeral

Rois licita de novo o Servizo de Axuda no Fogar

Compostela acolle do 16 ao 19 de setembro o Hola Nola Lab Fest traendo a Santiago unha parte de Nova Orleans.
4 minutes read
  • Axenda

Hola Nola Lab Fest

Using the appearance options below will override the global Appearance settings.
3 minutes read
  • Xeral

Artesanamente, Compostela é artesanía

As obras de Brión corresponden ao POS + Adicional 2/2026 e mellorará os accesos a trece aldeas
3 minutes read
  • Xeral

Máis de medio millón de euros para 13 aldeas de Brión

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela
3 minutes read
  • Xeral

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña pon en marcha un novo ciclo de monólogos
2 minutes read
  • Xeral

Ciclo de monólogos na Baña

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (664) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2797) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (773) eleccions (45) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (837) Galego (145) Institucións (1433) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1619) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (818) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (733) Politica (945) saúde (531) Servizos (2690) sindicatos (109) Social (563) sucesos (131) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (696) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.