Brión, 9 de outubro do 2017 – Os atletas Abdelhadi El Mouaziz (Marrocos) e Melina Alonso Aradas (Ferrol) proclamáronse gañadores da XXXV Carreira Pedestre da Amaia (Brión).
A proba disputouse o pasado sábado e tomaron parte 458 atletas, entre nenos e adultos. El Mouaziz e Alonso toman así o relevo de Lolo Penas e Paula Mayobre, vencedores na edición anterior.
A vitoria absoluta da XXXV Carreira Pedestre da Amaia foi para Abdelhadi El Mouaziz, do Nerja de Atletismo, que empregou 24 minutos e 59 segundos en cubrir os oito quilómetros da proba. A pesar de que o atleta marroquí recoñeceu que non tivo que forzar o seu ritmo, o certo é que lle sacou case medio minuto ao segundo clasificado, Akka Essadaoui (25:26), e un minuto ao terceiro, Carlos Porto Pazos (25:37), ambos da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Na categoría feminina, a vencedora absoluta foi Melina Alonso Aradas, do Clube Atletismo Fene, que entou en meta no posto 22 da carreira absoluta cun tempo de 29 minutos e 19 segundos. O segundo posto foi un ano máis para Rocío Alvite Ferreiro, do Club Altetismo Sar Vermú Petroni de Santiago, cun tempo de 29:45. Un podio que completou a súa compañeira de equipo Marinela Mayo Caamaño (Ames), cun tempo de 30 minutos e 16 segundos.

O concelleiro de Deportes de Brión, Xesús Quintela Vázquez, foi o encargado de dar a saída ás probas e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado polos concelleiros José Luís Sampedro Bouzas e Francisco Javier Blanco Sánchez. Todos eles recibiron uns trofeos especialmente deseñados para este edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta.
O Concello de Brión agasallou a todas as persoas participantes con bebidas e camisetas conmemorativas da proba, con debuxo realizado polo artista Xosé Vizoso, así como medallas para os 170 participantes nas categorías pitufo e prebenxamín. A compañía Nationale Nederlander, patrocinadora da proba, repartiu folletos entre os atletas adultos para o sorteo dun premio de 3.000 euros.
Premios locais

Especialmente aplaudidos foron os seis mellores atletas de Brión, sobre todo Juan Jesús Barral Varela, que chegou no posto 14 da proba xeral cun tempo de 28 minutos e 17 segundos, mellorando así o seu segundo posto da edición de 2016. Completaron o podio de atletas locais José Antonio Vidal González, do Club Atletismo Negreira (30:25), e José Ramón Mayo Martínez, do Club de Atletismo Bertamiráns (31:02).
As tres primeiras brionesas foron María Serramito Blanco, da Unión Atlética Coslada, que entrou no posto 128 cun tempo de 39 minutos e 40 segundos. Completaron o podio de atletas locais Mónica Otero Penido (43:02) e a gañadora desta categoría en 2016 Cristina Hernández García (44:18). Ambas son corredoras afeccionadas e non están afiliadas a ningún club de atletismo.

