Touro, 22 de febreiro do 2019 – O grupo parlamentario do Partido Popular tumbou a proposta de En Marea para que o ramal histórico do Camiño Francés, que pasa por Touro, fora oficializado.
A iniciativa levada por En Marea, impulsada desde o grupo municipal de Touro, basease nas recomendacións do ICOMOS, organismo asesor da Unesco en cuestións de patrimonio. O último informe emitido por este departamento instaba a recoñecer o tramo do Camiño Francés que pasa por Arzúa, Beseño, Quión e Amenal como ruta de peregrinaxe. A proposta contaba co respaldo de diversas asociacións de promoción do Camiño, algunhas internacionais, e coa veciñanza de Touro que ven este trazado como unha fonte de dinamización do concello.
En Marea Touro considera que conseguir a oficialización de este trazado ” é unha oportunidade de desenvolvemento económico e social que Touro non pode deixar pasar; máxime na situación demográfica agónica, precarización de servizos e falla de oportunidades para a mocidade na que se atopa o concello”.
En Marea Touro critica duramente a actitude do alcalde, Ignacio Codesido, sobre este asunto do que esperaban que influíra no PP para que a proposta fora aprobada. Denuncian, despois do rexeitamento no Parlamento da proposta, o “desgoberno que sofre o municipio e o vergoñento pasotismo do alcalde ante un asunto de vital importancia, e que demostra a nula capacidade e peso político do veterano rexedor no seu propio partido”.