Bisbarra, 2 de decembro do 2020 – O Barbanza ven de recibir un importante impulso desde a Xunta de Galicia coa reforma dos pantaláns de Noia e a sinalización dos Camiños de Santiago.
Os pantaláns e fingers de Noia reciben cerca de medio millón de euros de investimento e os novos recursos turísticos vinculados ao Camiño 22.000. A Conselleira do Mar visitou o peirao do Testal mentres que Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, achegouse a Corrubedo.
260 embarcacións beneficiadas
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten aberto o proceso de licitación para a contratación das obras de reforma e mellora das instalacións aboiantes do porto de Testal, no municipio coruñés de Noia, unha actuación que beneficiará ás máis de 260 embarcacións pesqueiras que utilizan estas instalacións.
O proxecto inclúe a instalación dun sistema electrónico de control de acceso para reforzar a seguridade da frota. A apertura e peche destas portas controlarase por parte dos usuarios a través dos seus teléfonos móbiles. Finalmente, tamén para reforzar a seguridade das instalacións, balizarase a punta da liña de pantalán.
Estas obras, contan cun prazo de execución previsto de catro meses desde a súa contratación e especificou que rematou recentemente a presentación de ofertas con 10 propostas.
Nova sinalización para o Camiño
O Faro de Corrubedo foi o lugar escollido para a presentación oficial da sinalización e posta en valor dun novo recurso turístico na comarca do Barbanza, o camiño a pé que transcorre paralelo ao itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, no que a Xunta inviste mais de 22.000 euros.
Na contorna deste faro sitúase un dos seis novos paneis informativos que se presentaron nun acto no que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do presidente da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa, Manuel Ruiz, a xerente desta entidade, Fátima Cachafeiro e os representantes da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza e Sar “A Orixe”, Manuel Mariño e Manuel Antonio Villar.
O traballo de recuperación deste percorrido terrestre consistiu na instalación de 6 paneis informativos en lugares estratéxicos do camiño que pode facerse a pé seguindo o itinerario xacobeo da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que representa a “traslatio”, a chegada dos restos do Apóstolo a Galicia por mar, e que percorre Barbanza Arousa a través dos 4 portos xacobeos: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.
O itinerario continúa posteriormente polo interior da provincia a través do concello de Dodro cara á Santiago de Compostela, polo que este municipio tamén participou no proxecto aínda que non está inxerido da Mancomunidade, ata enlazar co Camiño Portugués en Padrón. O custo total do proxecto foi de 35.000 euros dos que o 65% foron investidos por Turismo de Galicia.
Ademais do instalado na contorna do Faro de Corrubedo, a sinalización complétase con outros cinco paneis situados nas diferentes etapas deste percorrido paralelo á ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla, en Carreira (Ribeira); paseo marítimo da Pobra do Caramiñal; Cespón (Boiro); aldea de Quintáns (Rianxo) e aldea Bacariza (Rianxo). Cada panel, elaborado seguindo as indicacións e características do Manual de Sinalización da Xunta de Galicia, contén información dos recursos próximos e un código QR que redirixe á web de Barbanza Arousa na que se poden descargar os tracks deste recorrido e proximamente tamén un vídeo-mapping e toda a información necesaria para visitantes e peregrinos.