Compostela, 11 de xullo do 2019 – A Igrexa da Universidade acollerá a partir de esta tarde a mostra Cidades invisibles, proxecto expositivo da Asociación Cultural Fotoforum Compostela.
Cidades invisibles ten como referente o libro de Italo Calvino do mesmo nome. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e o fotógrafo e comisario da mostra, Fucos Reyes, inaugurarán a exposición nun acto que comezará as 20.00 horas.
Cada unha das fotografías que compoñen esta exposición colectiva representa a cidade invisible do seu autor ou autora. Son cidades que se constrúen a través das lembranzas; lugares que se visitan como nun soño; rúas onde o transeúnte pode sorprenderse cunha sombra ou un reflexo que o invita a penetrar no seu misterio; prazas nas que se atravesa o tempo; esquinas que ao dobrar nos trasladan a outras vidas non vivimos por azar, ou por destino.
O conxunto expositivo parte da idea proposta no libro As cidades invisibles, onde Calvino propón unha serie de relatos de viaxes que Marco Polo narra a Kublai Kan, emperador dos tártaros. Neles, Marco Polo describe lugares fantásticos: cidades escondidas, continuas, sutís; desexos, nomes, ceos, intercambios, mortos, ollos e signos.