Compostela, 19 de marzo do 2021 – O Claustro da USC aproba as liñas xerais dos orzamentos para 2021 e que superan os 262 millóns de euros.
Os orzamentos aprobados pola USC recollen no seu limiar que a atención á comunidade universitaria “ten que continuar sendo o obxectivo principal do goberno e da institución”. As contas deberán atender en espaicla as necesidades do alumnado que por efecto da pandemia se atopa en situación de vulnerabilidade económica.
O texto dos orzamentos da USC establece que deberán “formular actuacións que sirvan para paliar os efectos que a COVID está provocando pero tamén que senten as bases da recuperación, prevendo un restablecemento da normalidade a medio prazo, e sobre todo, poñendo o acento en empregar esta circunstancia sobrevida como motor dun cambio necesario no funcionamento da institución”.
O texto foi aprobado por 98 votos a favor, 11 en contra e 14 en branco. Recolle que as contas para este ano na USC ascenderían a un total de 262,2 millóns de euros. Estas son as primeiras Liñas Xerais aprobadas logo de que entrase en vigor o novo Regulamento de xestión orzamentaria, aprobado polo Consello de Goberno en decembro do ano pasado e que ten por obxectivo garantir unha xestión do orzamento máis eficiente.
Na presentación realizada ante o órgano colexiado, o reitor Antonio López debuxou unha análise das accións acometidas nos últimos meses fronte á pandemia e o seu reflexo na xestión económica ao longo do pasado ano así como na súa proxección para 2021. Pola súa parte, o xerente Javier Ferreira destacou o papel do alumnado nesta pandemia por merecer “unha mención singular” ao “destacar pola súa capacidade de adaptación a todas as restricións impostas” tanto “no referente á docencia como no uso dos espazos, onde contribúen activamente ao mantemento das medidas fronte á COVID”.
Liñas estratéxicas e instrumentais
A proposta de orzamento presentada en Claustro sinala como liñas estratéxicas as persoas, a investigación e os medios necesarios. Nesta liña, a atención á comunidade universitaria “ten que continuar sendo o obxectivo principal do goberno e da institución”, comezando por atender as necesidades do alumnado que por efecto da pandemia se atopa en situación de vulnerabilidade económicas. A atención do alumnado “tamén debe contemplar a necesidade de proporcionarlle un contorno saudable , seguro e confortable, onde poder vivir e desenvolver a súa actividade universitaria, fomentando a interacción social e garantindo a igualdade”. Obxecto primordial neste mesmo eido é aproximar os servizos aos membros da comunidade universitaria a través da recuperación dos centros docentes como eixe da vida universitaria, nos que se agarda avanzar na instauración de Puntos de Atención, Información e Servizos nun espazo aberto á comunidade.
No referente a PDI e PAS, as liñas xerais dos orzamento recollen a recuperación dos procesos selectivos atrasados pola pandemia, así como o impulso daqueles outros que permitan incidir na renovación xeracional e na reforma e reorganización das estruturas de xeito que se poida dar resposta ás novas necesidades. Tamén se contempla a reforma do cadro de persoal técnico e de apoio á investigación e á docencia en centros e departamentos ou a reorganización da estrutura administrativa no Campus de Lugo. O inicio da negociación dun acordo sobre teletraballo e a necesidade de avanzar na innovación e na dixitalización da prestación dos servizos son os puntos de partida para implantar, ademais, unha estratexia de transformación organizativa.
Investigación
En materia de investigación, quere implantarse un programa piloto de xestión de ingresos indirectos coa intención de informar as estruturas de investigación sobre a procedencia, natureza e contía deste tipo de custos vencellados á súa actividade e lograr, deste xeito, a súa redución. Asemade, tamén se lle dará pulo ao programa piloto de contratación de persoal investigador distinguido, dirixido aos Centros Singulares, así como aos Grupos de Investigación de Referencia Competitiva; e aplicarase a equiparación de categorías prevista no Acordo sobre a clasificación profesional e as condicións retributivas do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación da USC. O Programa de creación e reforzo de estruturas de investigación competitivas é o derradeiro punto no apartado de investigación destas Liñas Xerais dos Orzamentos. Este programa está dirixido á unificación de grupos de investigación en estruturas máis amplas que permitan sumar recursos e unir esforzos na procura de sinerxías e maior competitividade na captación dos mesmos.
Cidade da Saúde
Partindo da vontade integradora e de reforzo das actividades sanitarias de carácter asistencial, docente e investigador, o Proxecto Cidade da Saúde abre o apartado das Liñas Xerais dedicado aos medios necesarios. Co obxectivo de contribuír a que Galicia sexa un referente no ámbito da saúde, o documento aprobado polo Claustro establece que esta iniciativa “require dun esforzo para obter os recursos necesarios das administracións con competencias en educación e sanidade que o fagan viable”. Construír un centro para a Facultade de Farmacia, a rehabilitación do edificio de Medicina situado en San Francisco e o traslado da Facultade de Enfermaría son algunhas das accións contempladas neste proxecto, xunto coa renovación do salón de actos da Facultade de Medicina, xa iniciada, e que permitirá recuperar ese espazo para a actividade docente e para outros usos, tendo en conta a súa situación dentro do casco histórico; alén de actuacións en materia de eficiencia enerxética coa renovación da envolvente.
Espazo USC
Coa atención posta na comunidade universitaria e as súas necesidades, xorde a iniciativa Espazo USC que promove a integración das unidades de xestión de centro e departamentos, así como a renovación da rede de cafetarías e comedores universitarios para o seu aproveitamento como espazo cultural. Outras das accións que integran esta iniciativa son a reforma do Pavillón Estudantil, así como a mellora da imaxe dalgunhas dotacións dos campus, incluíndo unha intervención no anfiteatro do Campus de Lugo, a través dun programa de arte urbana desenvolvido en colaboración coa comunidade universitaria e a contorna, con especial atención á implicación da mocidade.
Alén do Espazo USC, o Plan de mellora da calidade de vida nos campus acometerá melloras en Santiago e Lugo destinadas á súa humanización, fomentando a posta en valor dos espazos máis singulares e o seu uso polos membros da comunidade universitaria. Medidas de posicionamento, atracción e proxección internacional, completan a liña estratéxica relativa aos medios necesarios xunto cun Plan director de dixitalización, e outro de enerxía e sustentabilidade. Finalmente, a colaboración institucional mantense como liña transversal necesaria para o establecemento de sinerxías entre administracións e o aproveitamento de recursos.