Músicas na Linde, 08/05/2026 – o 15 ao 17 de maio Compostela ofrece algúns dos concertos máis divertidos e interesantes do panorama galego e nacional. O ComposFest e a Romaría das Flores concretaron uns programas aos que prestar moita atención.
ComposFest
O venres da vindeira semana, o día 15, a cita será na Quintana. O ComposFest chega á cuarta edición, o que comezou como un xeito de apoiar á SD Compostela converteuse en cita imprescindible das Festas da Ascensión.
Este ano o ComposFest terá 3 protagonistas a ter moi en conta. Saya, artista compostelá con raíces palestinas e proxección internacional, que achega ao festival unha sesión marcada pola diversidade sonora e pola cultura de club. Como DJ, combina estilos como batida, arab club ou bass, construíndo unha proposta dinámica e aberta a diferentes formas de entender a música electrónica.
En Lindeiros falamos no seu día con Lumedoloop. o trío de hip hop compostelán formado por Jamas, Møu e DJ Mil. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas, son referentes da escena galega e presentan o seu primeiro LP, (Re)existencia, no que combinan poesía, denuncia social e cultura hip hop cunha identidade marcada e sen concesións.
Finalmente 9louro chega ao Composfest como unha das voces emerxentes da nova música urbana galega, formando parte dunha xeración que está a impulsar o uso da lingua. Co seu último álbum, Amorrer, presenta un universo propio no que mestura electrónica, ritmos urbanos e unha narrativa emocional ligada á realidade da súa xeración.

Romaría das Flores
Na fin de semana o parque de Belvís convértese no epicentro da festa. Gastronomía, xogos, e música que non deixa indiferente. A Romaría das Flores recolle o testigo do ComposFest para que a festa continúe na Ascensión.
A segunda edición da Romaría das Flores é unha das citas máis singulares da súa programación festiva. Este ano consolídase como unha festa ecléctica e divertida para todos os públicos e que combina concertos, actividades infantís, picadiscos e unha ampla zona gastronómica con participación de hostaleiros da cidade coma Chicha Lovers ou O Bochinche e mantendo o espírito de encontro popular e diversidade musical que a caracteriza.
A programación musical reunirá propostas destacadas da escena galega e peninsular cun sábado 16 no que actuarán os emerxentes Fuego Lolita, unha das bandas que forman parte do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga en Compostela; a banda valenciana Lisasinson que presentará o seu novo disco ‘Desde Cuándo Todo’; o mc compostelán Cibrán García, metade de Boyanka Kostova, co seu novo proxecto Saibran; os andaluces Los Mejillones Tigre coa súa mestura de garaxe, cumbia e psicodelia; Familia Caamagno que presentan o recente ‘Disco Comarcal’ nun concerto especial no que estarán acompañados da Orquestra do Quince; e os iconos do indie rock Los Punsetes que levan máis de vinte anos enchendo salas e escenarios co seu singular directo e os seus himnos afiados.
A xornada completarase coa ‘pinchada’ en sesión vermú de Chicho Selektor (Ortiga) e o peche a cargo das pica discos Pídechas o corpo.
O domingo 17, a Romaría prolongará ata media tarde a celebración cunha sesión vermú expandida co garaxe tropical da banda luso-brasileira afincada en Portugal Vinicius e seu Conjunto Selvagem, coa divertida e orixinal Orquesta Neverloura e coa a mestría aos pratos para facer que a xente se menee de Bigote Mix (Malandrómeda, Fluzo).
A programación familiar e infantil contará con actividades populares e musicais con Xogos do Paporrubio e coa imprenta tipográfica ambulante Alouette Machine. Amais, como novidade, a Romaría das Flores sumará forzas con editoras locais que celebrán tamén no Parque de Belvís nestas datas a súa Feira de Editoras de Compostela.
