Compostela, 23 de marzo do 2021 – A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra “Un ollo de vidro”, que o compositor galego Antón Alcalde (Rianxo, 1992) escribiu por encargo da orquestra.
O obxectivo da Real Filharmonía con estreas como “Un ollo de vidro” é impulsar a novos compositores da comunidade e á creación contemporánea. Esta serie de encargos de temática galega conta co apoio do Xacobeo.
O concerto será coma sempre o xoves, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel. As entradas xa poden adquirirse na web www.compostelacultura.gal. Ademais, poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.
Baixo o título “A canción dá terra”, a orquestra interpretará ademais a obra homónima de Gustav Mahler (1860-1911), orquestrada por Iain Farrington. Contarase con dous das voces máis destacadas do panorama lírico nacional, a mezzosoprano Mariña Pardo e o tenor Andeka Gorrotxategi.
Un ollo de Vidro
Tal como indica o compositor Antón Alcalde, a obra, cunha duración aproximada de trece minutos, toma o seu título do relato curto homónimo escrito por Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922. “Castelao describe en primeira persoa unha historia macabra, humorista e irónica co ‘máis aló’ como trasfondo. Cada personaxe no relato describe á súa vez a un membro de cada categoría social da época, filtrados desde un prisma crítico e satírico. O status social define a súa preponderancia polo diñeiro, que é o elemento que dá e quita o poder, pero que no mundo do ‘máis aló’ resulta completamente estéril. A morte termina por igualar á criada e ao cacique, ao rico home de negocios e á moza que morre por amor”.
Antón Alcalde engade que “A obra está dedicada a Paul Daniel así como á Real Filharmonía de Galicia, escrita en memoria de Castelao como homenaxe ao eminente centenario da publicación dun ollo de vidro”.
Un compositor cunha prometedora carreira internacional
Nacido en Rianxo en 1992, a obra de Antón Alcalde foi interpretada en máis de 30 países de América, Europa, Asia e Oceanía. Ao longo da súa traxectoria recibiu encargados de importantes organizacións e solistas nacionais e internacionais como o Consello da Cultura Galega, o Certame Internacional de Bandas Vila da Sènia, Bevers Harmonieorkest, Izumo Symphonic Band Enishi, Festival de Cinema Curtocircuíto, Quinteto Hércules, Bevers Harmonieorkest Brass e a propia Real Filharmonía de Galicia; e dos solistas Alexandre Doisy, Roberto Oliveira e Hiroko Yamakawa, entre outros.
Con tan só 13 anos, a súa obra Concertino para só- timbales foi estreada polos estudantes de Nick Woud no Conservatorio Superior de Música de Ámsterdam (2015). Aos 15 anos obtén o primeiro premio no II Concurso de Composición Iberoamericano para Banda (2009); e o primeiro premio en todas as categorías do II Concurso Galego de Composición para Banda, repetindo galardón ata en cinco ocasiones consecutivas, sendo o compositor máis novo en recibilo. Conseguiu tres medallas simultáneas (prata e dous bronces) nos Global Music Awards e recibiu dous nomeamentos aos Hollywood Music in Media Awards.
En 2016 estrea a obra electroacústica Holograms a cargo de Roberto Oliveira no Extravaganza Percussion Festival, celebrado na Real Academia de Música de Irlanda. En 2017 é seleccionado como compositor residente no prestixioso programa do ArtsIceland Institute de Islandia. En 2019 gana o premio Francisco Guerrero Marín no XXX Premio Novos Compositores Fundación SGAE- CNDM coa súa obra Firefly – after Tokyo Blues-. En 2020 a súa peza Sculptures in Brass é seleccionada polo seminario Juilliard Brass Quintet, impartido polo recoñecido quinteto de metais American Brass Quintet (Nova York).