A Estrada, 4 de agosto do 2021 – A Rapa das Bestas de Sabucedo celebrará dous curros a finais de mes tras ultimar o protocolo anti Covid-19.
A Asociación Rapa das Bestas informa que a venda ao público das entradas realizarase exclusivamente de xeito anticipado a través da páxina web rapadasbestas.gal. A venda non se abrirá ata que estea ultimado o protocolo anti Covid-19 para “garantir o cumprimento da normativa sanitaria e priorizar a saúde de todas as persoas implicadas”.
A data de apertura da venda on line anunciarase debidamente nas vindeiras semanas a través das redes sociais e os medios de comunicación e o prezo das entradas será de 11 euros máis os gastos de xestión da plataforma de venda.
A Asociación A Rapa destaca que “o aforo do curro será moi reducido” e anticípase que as restricións sanitarias obrigarán tamén a “limitar notablemente” a acreditación de medios e profesionais da comunicación.
Neste senso, avánzase que o prazo de acreditación tamén se dará a coñecer proximamente nas redes sociais e advírtese que, como norma xeral e agás para casos puntuais autorizados pola asociación, nesta edición non se permitirá aos profesionais gráficos baixar ao curro para captar imaxes entre as bestas.