Teo, 13 de maio do 2021- O concello de Teo da protagonismo a Xela Arias para conmemorar o Día das Letras Galegas de este ano.
A Área de Lingua de Teo busca visibilizar a figura de Xela Arias cunha serie de accións que abarcan todo o concello. Ler á poetisa homenaxeada é estes días algo posible en distintos puntos do pobo. O obxectivo e levar o traballo de Xela Arias á cidadanía de Teo.
En diferentes zonas de paso da cidadanía colocaranse vinilos pegados no chan ou en paredes de múltiples zonas. Serán seis modelos de vinilo e en cada un deles aparece un fragmento da súa obra ou frases que a autora emitiu e que definen a súa forma de pensar. Ademais, cada vinilo terá impreso un código QR, co que a persoa que o abra poderá ver á autora en directo en diferentes actos ou recitais.
Xela Arias foi unha creadora, editora, tradutora e mestra defensora do idioma e traballadora pola normalización da lingua galega. Xela é ademais unha voz feminina que reivindica e transgride os postulados de xénero creados na época na que viviu, a sociedade dos anos 80 e 90, principalmente na cidade de Vigo. Renovadora da poesía en estilo e forma e tradutora de grandes clásicos ao galego co fin de prestixiar o galego como lingua literaria universal. Unha voz singular no paradigma literario galego.
Este soporte físico impulsado desde Teo pretende ser o punto de partida para que as persoas interesadas indaguen sobre a obra de Xela Arias e afonden nos seus pensamentos. Un dos textos de Xela di “Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”.
O concello convida ademais a todo o mundo a facerse fotos cos textos de Xela Arias e subilas á rede coa etiqueta #letrasgalegasTeo.
