Compostela, 14 de marzo do 2019 – A Plataforma de veciños Mina Touro O Pino NON denuncia que na sesión do Parlamento de Galicia de este mércores foron censurados e sometidos a controis sen motivo aparente.
Mina Touro O Pino Non acudiu, como en outras ocasións, a sesión do Parlamento na que se presentaba unha pregunta sobre o inicio dunha campaña sobre a minería nos centros escolares. A diferenza de outras veces os membros da Plataforma, que lucían camisetas contra a mina, foron fotografados e obrigados a deixar as camisetas fora da tribuna de público.
Catro foron, en total, os minuciosos controis que tiveron que pasar ata poder sentar a escoitar o debate parlamentario, sen ningunha peza de roupa alusiva as súas reivindicacións. Os representantes do colectivo lembran que o Regulamento do Parlamento de Galicia nada di ao
respecto cando recolle as normas de orde dentro do recinto parlamentario. A plataforma pregunta a que se deberon estes novos e exhaustivos rexistros que nada teñen que ver coas normas sobre a orde nas tribunas do parlamento galego e por que de súpeto non se poden vestir camisetas cos nomes das asociacións, plataformas ou entidades que representan aos cidadáns, cando ata agora non había ningún inconveniente en facelo.
Desde a plataforma de Touro espérase que se deba a un malentendido, pois o contrario levaría a pensar que alguén dá ordes de evitar visibilizar a presenza e as reclamacións dos veciños e veciñas de Touro e O Pino nas institucións galegas, o cal sería máis grave aínda sendo na institución de representación do pobo.
Sen respostas
Na sesión plenaria do Parlamento de Galicia a deputada de En Marea, Luca Chao, preguntáballe ao goberno galego sobre os obxectivos da posta en marcha nos centros educativos dunha campaña de concienciación infantil e xuvenil a favor da minería en Galicia.
A Plataforma Mina Touro O Pino NOn denuncia que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, nin se molestou en asistir para responder sobre o financiamento por parte @de la Xunta da mencionada campaña educativa. Según o colectivo o único membro do goberno galego que quedou para responder foi o conselleiro de Industria que “tirou de demagoxia barata para defender o kit educativo da Cámara Mineira de Galicia, argumentando que un dos cómics supostamente educativos, O tesouro das estrelas, ten como protagonista a unha muller que traballa na minería e acode á escola da súa filla para contar a que se dedica”.
Tamén respondeu Francisco Conde que “parece que a actividade mineira en Galicia é ilegal, e debería saber que está regulada por unha lei”. A asociación lémbralle ao responsable da consellería que existen
múltiples irregularidades nas que a minería incorre en Touro e O Pino, así como en moitos outros puntos da xeografía galega “onde as mineiras e os gobernos locais coñecen a lei pero, se non lles convén, porque non lles resulta economicamente rendible, non a aplican”.
Finalmente a Plataforma reclama ser recibida polo Conselleiro xa que leva desde outubro de 2017 esperando por unha resposta á petición de audiencia con el.