Compostela, 19 de maio do 2021 – A pianista Sofya Melikyan debuta coa Real Filharmonía de Galicia baixo a batuta do mestre Jaume Santonja.
Aínda que o concerto de Compostela será o xoves o debut será en Vigo este mesmo mércores. O concerto de Santiago poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal.
Baixo o título Outras estacións, o programa, enmarcado no Ciclo de Piano Anxo Brage, comezará co Concerto para piano núm. 5 “Exipcio” de Camille Saint- Saëns (1835-1921), que será interpretado pola pianista Sofya Melikyan, no que será o seu debut coa RFG. A obra está inspirada nunha viaxe que o compositor fixo por terras exipcias e na experiencia sensorial que lle achegou. A continuación soará a Sinfonía núm. 9 “As estacións” de Louis Spohr (1784-1859), baseada no contraste entre as catro estaciones do ano.
Sofya Melikyan
Sofya Melikyan naceu na capital armenia de Ereván, onde iniciou a súa formación na Escola de Música Chaikovski. Continuou os seus estudos no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid con Joaquín Soriano, conseguindo o Premio Extraordinario de Honra Fin de Carrera. Posteriormente perfeccionou a súa interpretación en París. Realizou estudos de posgrao na Manhattan School of Music de Nova York.
Eloxiada pola súa “exquisita sensibilidade artística”, ofreceu concertos en prestixiosas salas de Europa, Asia, Estados Unidos, Australia e Canadá; con recitais no Carnegie Hall e no Lincoln Center de Nova York, American Liszt Society, Kennedy Center, ‘ Philip Lorenz Memorial Keyboard Concerts’ de Fresno, Opera House de Guangzhou, Concert Hall de Bulgaria e Festival Chopin de Luxemburgo. Colaborou con diversas orquestras no seu país, Orquestra Filarmónica Europea, Nova Orquestra Nacional de España, Orquestra de Córdoba, Sinfónica de Valencia, Filarmónica de Andalucía, Orquestra Sinfónica de RTVE, Orquestra Sinfónica Nacional de Cuba, North Shore Symphony Orchestra de Chicago ou a Sinfónica de Vancouver.
Jaume Santonja
O mestre Jaume Santonja foi nomeado recentemente director asociado da Orquestra de Euskadi e desde 2018 é tamén director asistente da Orquestra Sinfónica da Cidade de Birmingham. Obtivo un gran éxito nos seus debuts coa Orquestra Nacional da BBC de Gales e a Orquestra de RTVE. Foi seleccionado entre catro novos directores máis prometedores para participar en xuño de 2020 nas clases maxistrais exclusivas de Iván Fischer e a Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam.
Compromisos recentes e futuros levarano á fronte da Orquestra Sinfónica de Milán LaVerdi, Orquestra e Coro Nacional de Madrid, Orquestra de Euskadi, Sinfónica de Tenerife, Filarmónica de Málaga, Filarmónica de Holanda Meridional, Sinfónica de Bilkent, Ópera Norte de Leeds, Phion- Orchestra of Gelderland & Overijssel, entre outras agrupacións.
Santonja tivo éxito en varios concursos internacionais de Dirección e posúe unha Mestría en Música (Dirección) do Real Conservatorio de Anveres e unha Mestría en Música (Percusión) do Conservatorio de Ámsterdam. Foi membro da Gustav Mahler Jugendorchester e da Orquestra do Festival Verbier. Ten tamén unha notable actividade como arreglista e orquestrador musical, ademais de compositor de obras de música de cámara.