Porto do Son, 5 de marzo do 2021 – A Xunta avanza no proxecto da nova Edar de Queiruga, en Porto do Son, co fin de licitar e adxudicar as obras neste ano.
O Delgado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor, informou ao alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, dos avances nos trámites desta obra nun encontro de traballo. O investimento na nova instalación está próximo aos dous millóns de euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a ultimar o proxecto e cando o Concello de Porto do Son leve a cabo a tramitación previa de posta á disposición dos terreos e a información pública procederase a súa licitación.
O delegado da Xunta explicou que as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova Edar no lugar da Ponte. Ademais proxéctase unha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova Edar. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.
De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estaría composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsións. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte. En total prevese a construción dunha rede de colector de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Trenor recalcou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio”.
