Silleda, 16 de xuño do 2021 – Volve a Silleda a iniciativa “A miña horta é a túa”, promovido pola Fundación Baiuca Verdescente e que tivo a súa primeira edición o ano pasado.
“A miña horta é a túa” é un proxecto solidario, no que participan mozos e mozas de xeito voluntario e produtores de Silleda que aportan os excedentes da súas hortas. Os produtos distribúense despois a través do departamento municipal de Benestar Social ás familias en situación de vulnerabilidade.
O Concello de Silleda apoia a iniciativa, mediante un convenio de colaboración, aportando 1.000 euros. A proposta fomenta, ademais da Solidariedade, a interacción social e intergeneracional.
Dende hoxe mércores , e ao longo do verán, os voluntarios e voluntarias da fundación recollerán nas hortas os produtos para facer despois o pesado e reparto dos mesmos. As cestas entréganse en Benestar Social, onde de xeito confidencial se reparten os produtos. Nesta primeira sesión farase entrega a 10 familias. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, agradece a labor realizada pola fundación e destaca as vantaxes desta iniciativa que promociona ao mesmo tempo unha alimentación saudable, con produtos locais e de calidade.