Bisbarra, 27 de xullo do 2021- A Mina de San Finx foi denunciada ante o Parlamento Europeo por inxectar metais pesados ao río e a ría durante catro anos.
Ecoloxistas en Acción denuncian que entre 2016 e 2020 abriuse un nivel máis profundo en San Finx. Esa nova escavación mantívose durante ese tempo, desaugada e vertendo residuos, sen a autorización necesaria.
Na denuncia destácase que a empresa Valoriza Minería obtivo fondos europeos do programa Horizonte 2020. Os cartos destináronse presuntamente ao salario do director da mina responsable dos vertidos.
A euro deputada Sira Rego foi a que presentou a denuncia ante o Parlamento Europeo. Ata o momento era coñecido que a empresa deitaba ao río metais pesados das catro plantas coñecidas de San Finx. A denuncia desvela que durante catro anos abriuse unha quinta planta que bombeou residuos ao río e á ría durante ese período. Es planta non estava contemplada no proxecto aprobado no 2009.
Na pregunta parlamentaria a eurodeputada cuestiona ademais que a Comisión Europea achegara fondos europeos a Valoriza Minería para un proxecto de investigación do programa Horizonte 2020 que tivo á mina de San Finx como lugar de probas.
As probas do denominado proxecto “NEXT”, implicaron realizar estudos xeolóxicos precisamente nesta nova 5ª planta, aberta e desaugada ilegalmente pola mineira, que nin tiña autorización de vertidos nin avaliación de impacto ambiental para a actividade.
Sira Rego instou á Comisión Europea a investigar se os fondos europeos do programa NEXT foron usados para pagar o salario do director facultativo da mina de San Finx.
O director supostamente tería dado as ordes de manter desaugada a 5ª planta ata que finalizaron os traballos do proxecto europeo en 2020. A situación implicou vertidos continuos ao río, 7 km augas arriba da ría de Noia e do LIC Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000. Tamén desde Ecoloxistas en Acción se demanda á Comisión para que suspenda o proxecto e impoña sancións a Valoriza Minería e demais beneficiarios implicados.
Vertidos coñecidos por Augas de Galicia
Augas de Galicia mantén aberto un expediente de autorización de vertido á empresa mineira desde 2016 sen que ata o momento fora resolto. O feito de ter desaugado ilegalmente unha nova planta da mina debería implicar unha sanción inmediata. Ecoloxistas en Acción ven de notificar esta mesma semana a este organismo para que non poida alegar posteriormente descoñecemento dos feitos.