Oroso, 2 de abril do 2019 – Oroso xa ten a súa estatua de Troi, a mascota do concello, unha personaxe que xa é un veciño máis. A estatua serve de homenaxe á troita e aos seis ríos que pasan polo municipio.
A estatua de Troi situouse na avenida de Compostela, na N-550 ao seu paso por Sigüeiro. Según o alcalde Manuel Mirás “Temos o privilexio de vivir nun municipio cun enorme patrimonio paisaxístico e Troi xa forma parte de nós. É un paso máis, primeiro apostamos por Troi para que fora a nosa mascota e agora queda inmortalizado coa estatua, coa que queremos homenaxear ao conxunto do pobo, foron os veciños e veciñas de Oroso os que fixeron grande a Festa da Troita, o manxar dos nosos ríos”.
Desde hai moitos anos, a troita puxo a Oroso no mapa turístico, xa que o concello celebra a Festa no mes de maio, pola que pasan máis de 30.000 persoas. Este ano, a celebración será os días 10, 11 e 12 de maio. Oroso será de novo a capital do ocio e a gastronomía galega e os milleiros de visitantes que se acheguen ao concello poderán ver a nova estatua de Troi.