Compostela, 12 de novembro do 2020 – Tal e como adiantou o pasado día 6 Lindeiros.gal a hostalería celebrará unha manifestación a nivel galego en Compostela.
Esta protesta autonómica será o próximo martes día 17. A data desvelouse no transcurso da protesta da hostalería da bisbarra, diante da Consellería de Sanidade, que tivo lugar este mércores. Máis de duascentas persoas concentráronse convocadas pola Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela.
Os asistentes reclamaron volver ao traballo ao pasar a cidade a nivel laranxa. Na protesta vivíronse momentos tensos como no que un hostaleiro de Oroso enfrontouse a policía, como se puido ver no noso perfil de Instagram
Ver esta publicación en Instagram
Calendario de mobilizacións
Seguindo coas mobilizacións previstas, hoxe xoves hai unha concentración diante da subdelegación do Goberno, convocada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña.
Tras a protesta serán recibidos polo Delegado do Goberno ao que lle presentarán o Plan de Rescate elaborado en conxunto coas entidades de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol.
Esas asociacións reuniranse en Santiago o martes 17 de novembro nunha gran convocatoria que partirá ás 11:00 horas do Pazo de Congresos, en San Lázaro, para, percorrendo o último tramo do Camiño Francés, chegar á Praza do Obradoiro.
Axudas insuficientes
A mesa de diálogo coa Xunta de Galicia da que forma parte a Asociación Hostalaría Compostela mantivo este martes unha reunión coa Consellería de Emprego para falar das axudas presentadas polo
Goberno galego e que o sector ve claramente insuficientes. “Propoñen 12 millóns de euros para a hostalaría e 4 millóns compartidos con outros sectores. Calculando unha contía media por establecemento duns 2.500 euros, o 75% locais quedaría fóra”, lamentan.
Hostalaría Compostela fai un chamamento á Xunta para que lidere, xunto con Concellos e Deputacións, o Plan de Rescate do sector. “Actualmente estamos falando só coa Consellería do Emprego, cando entendemos que, nas cuestións das axudas, deberían estar implicados máis departamentos”, sosteñen.