Bisbarra, 15 de xuño do 2021 – Altamira brilla converteuse esta fin de semana na primeira festa da historia da Maía, Unha colaboración entre os concellos de Brión e Ames e a Deputación da Coruña.
“Altamira Brilla” levou a recreación da historia e a música ao monumento de Brión. Unha iniciativa que, segundo anuncia o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, regresará o próximo ano, agarda, “co esplendor que o acontecemento merece”.
Despois de que o pasado ano a pandemia obrigara a cancelar a convocatoria, as Torres de Altamira acolleron esta fin de semana a primeira festa histórica da comarca, que rememorou a épica batalla e celebrou o seu 550 aniversario. “Foi un día memorable mais aínda limitado pola situación que vivimos mais agardamos que o vindeiro ano poda xa celebrarse en todo o seu esplendor, sen máis límite de público que o que o espazo permite e con vontade de que a comarca recupere un feito histórico de especial relevancia no país”, sinala o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas.
A festa central desenvolveuse o día 13 de xuño, xusto na xornada en que se conmemoraba o 550 aniversario da batalla que se desenvolveu en 1471 nas propias Torres de Altamira. A compañía Os Quinquilláns fixo regresar ao público a batalla que enfrontou os poderes do arcebispo de Santiago e os das liñaxes de fidalgos que emerxeran o século anterior.
A festa completouse coa participación de Baiuca cunha pequena mostra do concerto previsto xa que, debido á treboada que a esa hora se produciu na comarca, houbo que interromper.
Penas confía en que este ano sexa fundamental para o desenvolvemento do proxecto de plan director das Torres que converta o monumento “nun lugar vivo, de cultura activa e un referente monumental de toda a comarca e de todo o país, como escenario de historia e tamén de actividades singulares nun entorno de especial relevancia patrimonial”.