Compostela, 23 de abril do 2019 – Compostela dispón dunha nova ferramenta en liña para mostrar outro Santiago, o Roteiro Virtual da Lírica Medieval.
A web roteiroliricamedieval.gal/ foi deseñada por un equipo de investigadores e investigadoras vinculadas á Universidade de Santiago, co apoio da Concellaría de Acción Cultural. O obxectivo redescubrir Compostela da man da lírica medieval e redescubrir as cantigas galego – portuguesas a través de lugares referenciais da cidade.
A páxina recolle referencias aos autores medievais que mencionan Compostela nas súas cantigas ou que están ligados á cidade, reproduce os seus textos e permite coñecer os lugares referenciados neles a través de vídeos. Está previsto que nunha próxima fase se inclúan tamén as versións musicais das cantigas.
O Roteiro Virtual da Lírica Medieval foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, xunto co equipo científico responsable da web, composto por Yara Frateschi Vieira, profesora da Universidade Estadual de Campinas, en São Paulo; María Isabel Cabanas, da Universidade de Santiago; e José Antonio Souto Cabo, tamén da USC. Tamén participaron na rolda Janaína Marques, da USC, coordinadora dos traballos, e a artista María Meijide, quen elaborou o mapa artístico da web.
A concelleira de Acción Cultural mostrou a súa satisfacción por “poder presentar por fin o resultado dun longo traballo, e facelo ademais na véspera do 23 de abril, Día do Libro. Este traballo é un complemento perfecto para o traballo que se vén desenvolvendo para configurar o mapa literario de Compostela”.
Trobadores como Airas Nunes, Joán Airas de Santiago, Pai da Cana ou Afonso Eanes de Cotón falan de Compostela nas súas cantigas. Según explicou a concelleira “nos séculos XII e XIII, Santiago xogaba un papel determinante como centro relixioso, político e cultural; era punto de encontro e de difusión das correntes intelectuais e artísticas de Europa; e polo tanto coa cidade mantiñan fortes vínculos os trobadores, vinculados en moitos casos ás familias nobres ou á Igrexa”. É por iso que nas cantigas medievais, apuntou a edila, “aparecen constantes referencias a lugares de Compostela como a Catedral e as súas prazas, as rúas do Franco ou da Raíña, o Arco de Mazarelos, a Colexiata de Sar, Bonaval, San Martiño Pinario ou a igrexa de Santa María Salomé”. Ademais, no Roteiro Virtual da Lírica Medieval recóllense lugares próximos a Santiago tamén referenciados nas cantigas medievais, como as igrexas de San Simón de Ons, en Cacheiras; de Santa María de Lampai; ou San Salvador de Bastavales.