Boqueixón, 7 de marzo do 2022 – A filloa recuperou o protagonismo que pandemia lle roubou nos dous últimos anos e devolveu a festa a Lestedo en Boqueixón.
Cunha nutrida representación institucional, con dous conselleiros e distintos cargos e deputados, Lestedo celebrou a trixésimo novena Festa da Filloa. O Alto dos Xenerais da Ulla puxo fin o Entroido e devolveu tamén un pouco de normalidade a unha das actividades con máis sona da bisbarra,
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou as medidas sanitarias que se tomaron, aplaudindo a “responsabilidade” das persoas asistentes por “manter as máscaras postas a pesar de non estar obrigados a facelo por estar nun lugar aberto”.
Unha festa algo diferente á de edicións anteriores, sobre todo pola ausencia das tradicionais degustacións de filloas á pedra e con distintos recheos. Porén, unha gran máquina filloeira, con capacidade para elaborar ata 1.500 unidades cada hora, cubriu este ano as gañas de filloa de Lestedo que, a xulgar polas colas que se chegaron a xuntar durante algúns momentos do Alto do Xenerais eran moi elevadas. Tanto que a cola daba a volta á praza.
Atranques dos Xenerais da Ulla
Axornada comezou coa inauguración dunha mostra fotográfica polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, á fronte dunha extensa comitiva oficial composta pola conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato; o deputado de Promoción Económica da Deputación e alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; e Xosé Manuel Lobato, escritor e pregoeiro desta edición. Así mesmo, tamén estiveron presentes os alcaldes de Vedra e Touro, Carlos Martínez e Ignacio Codesido, así como concelleiros da contorna.
Tras dar a benvida aos presentes, a presentadora María Mera deu paso ao Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que este ano cambiaron a tarde pola mañá e que non fixeron desfile polas rúas de Lestedo como medidas preventivas contra a Covid-19. Catro atranques no campo da festa que abriron Aroa Estévez e Andrés Lareo, nun divertido atranque infantil. Despois botáronse tres atranques máis, con múltiples referencias á actualidade informativa, coa crise ucraína e o relevo de Pablo Casado como temas máis recorrentes. Os atranques protagonizáronos: Gonzalo Ferreiroa e Olaia Canabal; Xulián Vázquez e José Canabal; e Uxía Canabal e Esteban Estévez.
Obxectivo: Festa de Interese Nacional
Tras os atranques, chegaron as intervencións das autoridades. Fernández Munín agradeceu o labor dos veciños e veciñas de Lestedo “porque se xa é de por si complicado organizar durante 39 anos unha Festa de Interese Turístico Galego coma esta; este ano aínda foi máis complicado, debido ao pouco tempo que houbo para poñela en marcha”. Así mesmo, reinvidicou a filloa “como un manxar que se pode consumir durante todo o ano, non so durante o Entroido”, salientando que “fomos pioneiros nesta celebración gastronómica en Galicia e agora temos que seguir traballando, todos e todas xuntos, por seguir medrando”.
Unha aposta recollida pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen destacou a importancia de festas como a da Filloa e o Xenerais da Ulla para a proxección turística de Galicia e lanzou un desafío aos presentes: “co traballo de todos, cos nosos produtos e con esta tradición tan enorme como é o Entroido, agora hai que subir un pouco máis e intentar ser Festa de Interese Turístico Nacional”.
Agradecemento veciñal
O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, tamén agradeceu “o traballo, implicación e dedicación dos veciños e veciñas de Lestedo. Hai dous meses estou seguro de que ninguén pensaba que hoxe poderíamos estar aquí. Pero fomos quen grazas ao traballo, esforzo, implicación e gañas dos veciños e veciñas así como ao traballo das persoas que conforman a Asociación Cultural da Filloa”.
O deputado provincial Blas García puxo en valor a filloa de Lestedo e fixo fincapé en que “esta celebración difunde a gastronomía da contorna, xerando riqueza, pero tamén serve como medio para crear novos vínculos de convivencia e relacións entre a veciñanza”. Finalmente, Ovidio Rodeiro coincidiu en que o traballo dos veciños e veciñas de Lestedo “logrou situar este pobo, esta parroquia, nun dos lugares máis importantes no ámbito das festas gastronómicas de Galicia”.
Saúde e Filloa
O escritor e profesor Xosé Manuel Lobato, nado en Lestedo, foi o encargado de dar un pregón moi literario e no que deu lectura a varios textos de autores como Castelao ou Neira Vilas. A maiores, salientou o labor das filloeiras da parroquia de Lestedo que “lograron a mellor versión dun nutrimento que se deixa engaiolar coa paixón coa que é elaborado”. Unha filloa composta por “auga da fonte sacra do Pico, óleo e relón de Boqueixón. Unión con sabedoría de xeración en xeración. Entrega da mellor versión dunha filloa sen parangón”.
Neste sentido, Lobato asegurou que “en Lestedo é unha devoción saborear cultura e tradición. Tamén unha beizón que non ten contraindicación”, desexando a todas as persoas presentes: “saúde e filloa!”.
Distincións
Antes da sesión vermú a cargo da orquestra Olympus, tivo lugar a imposición dos Mandís de Honra da Festa da Filloa 2022, que este ano recaeron no propio Xosé Manuel Lobato; Víctor Furelos, xornalista xefe de Comarcas de El Correo Gallego; e Ramiro Esparís Sampedro, director do CIFP Compostela.
O acto rematou cun recoñecemento aos xenerais e xeneralas da Ulla, no que José Manuel Canabal impúxolle a condecoración de “Xenerala da Filloa 2022” a Uxía Canabal Peón, quen pechou o acto cun: “viva a trixésimo novena Festa da Filloa de Lestedo! Viva a xente que nos acompaña, admira e rodea!. Viva a nosa unión!”.
As orquestras Finisterre e Olympus pecharán o programa de actos coa tradicional verbena.
