Bisbarra, 31 de xaneiro do 2023 – O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha iniciativa solicitando un novo informe de impacto ambiental do parque eólico do Campo das Rosas.
Este proxecto afecta de forma directa á aldea de Sabucedo e aos montes nos que viven as bestas. A solicitude basease en que o parque Campo das Rosas superponse a outrs proxectos na mesma zona.
O BNG da Estrada organizou o pasado sábado un encontro en Sabucedo unha reunión informativa sobre os eólicos que afectan á zona. Xunto ao candidato nacionalista ao concello, Xoán Raíces, participaron os deputados autonómicos Montse Prado e Luís Bará.
Raíces explicou que impulsarán unha serie de medidas para paralizar o parque Campo das Rosas, que hai pouco conseguía a autorización medio ambiental. Raíces indicou que “os muíños de vento que proxecta Naturgy están preto doutras instalacións semellantes en tramitación como a de Cabanelas, a do Monte de Arca, as Penizas, pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñan III. A instalación en tramitación máis próxima atópase a só 1.800 metros e a máis afastada está a algo máis de 3 quilómetros”.
O candidato avanzou que “a través da nosa concelleira, Susana Camba, rexistraremos unha moción para que o pleno da corporación, non só rexeite este parque eólico e tome todas as medidas necesarias, mesmo xudiciais, para paralizar este proxecto, que suporá unha desfeita ambiental, pola repercusión que terá na fauna salvaxe, en especial os cabalos, e por suposto pola repercusión que terá na festa declarada de interese internacional que se celebra todos os anos en Sabucedo, A Rapa das Bestas”.
Pola súa parte, Montse Prado e Luís Bará explicaron que “efectivamente o truco de dividir os proxecto leva a que proliferen como cogomelos os muíños de vento nos nosos montes, cun enorme impacto ambiental e socio-económico, en no caso do parque do Campo das Rosas, tamén desde o punto cultural e patrimonial, xa que terá un impacto moi grande sobre a fauna cabalar e sobre a festa da Rapa coñecida internacionalmente”.