O BNG da Estrada denuncia o incumprimento do compromiso da Xunta de Galicia de ter concedido a protección de Ben de Interese Cultural, BIC, á Rapa das Bestas antes da edición de este ano.

A Rapa das Bestas celebrará unha nova edición na primeira fin de semana de xullo. Milleiros de persoas de todo o mundo achegaranse á pequena aldea de Sabucedo para vivir unha das tradicións máis senlleiras de Galicia.
A declaración como Ben de Interese Cultural, é unha demanda desde hai moito tempo. Suporía unha capa máis de protección ante ameazas como as dos eólicos o outro tipo de alteracións no entorno natural da aldea, da festa e dos cabalos que viven en aqueles montes.



O BNG da Estrada ven de denunciar nunha nota de prensa “o incumprimento por parte da Xunta do compromiso de declarar a Rapa das Bestas como BIC antes da edición deste ano”.
O voceiro da formación, Xoán Reices, acusou ao goberno da Xunta de “faltar á súa palabra e desprezar o patrimonio cultural galego” ao non cumprir un compromiso feito en público, feito na presentaci´n da edición 2024 como contamos hai un ano en Lindeiros.
Reices foi especialmente crítico coa falta de compromiso do actual conselleiro de cultura, López Campos, ex alcalde da Estrada. “É incomprensible que alguén que coñece de primeira man o valor e transcendencia da rapa das bestas non teña feito aínda nada efectivo para garantir a súa protección institucional”.
“A rapa das bestas é unha manifestación única do noso patrimonio inmaterial, recoñecida e admirada dentro e fóra do país, pero a Xunta nin sequera é quen de cumprir os prazos que eles mesmos anuncian” engadiu Reices.
O BNG da Estrada esixe que se axilice o proceso de declaración BIC e que se fagan públicos os motivos deste atraso. “É hora de pasar dos anuncios aos feitos” concluíu Reices.
