A Estrada, 7 de xullo do 2022 – Este mércores volveron ao seu lugar habitual os postos da feira da Estrada, despois de que a pasada semana se lles comunicara na rúa Iryda, onde estiveron os últimos meses.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2022/07/a-estrada-posto-feira-normal-7-xullo-2022-2_r.jpg)
O concelleiro de Mercados, Gonzalo Louzao, visitou a feira a pasada seman e comunicou aos vendedores, de xeito individualizado, tanto as renovacións das concesións dos postos como aqueles que deberán causar baixa “por presentar débedas co Concello ao non pagar a ocupación do espazo público de xeito reiterado”.
Permanecen activos 63 postos e hai 11 propostas de baixa, que se sumarán aos 26 postos que se decidiu non ocupar durante a pandemia “para garantir a distancia social” e se mantiveron libres durante a execución das obras de mellora da Praza da Feira “co obxectivo de adaptarse á ubicación provisional no aparcamento da rúa Iryda, de menores dimensións”, asegurou Louzao.
Aqueles postos que foron propostos para causar baixa terán agora un prazo de dez días hábiles para realizar alegacións e intentar xustificar a súa situación.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2022/07/a-estrada-posto-feira-normal-7-xullo-2022-1_r.jpg)
A volta á Praza da feira respecta, na medida do posible, as zonas nas que xa estaban situadas os postos actuais. Louzao avanzou que se cubrirá a totalidade dos 100 espazos dispoñibles na Praza da Feira “coa incorporación dos postos que figuran na listaxe de agarda” recollida no Departamento de Tesourería, voltando a unha feira “de gran formato” con postos de alimentación, textil e polbeiros.
O Concello ven nos últimos días contactando cos postos que figuran nesa listaxe para comprobar de xeito individualizado, por orde de entrada no rexistro, se cumpren cos requisitos. De ser así, poderán escoller entre os 37 espazos dispoñibles.