Bisbarra, 4 de outubro do 2022 – A Xunta de Galicia ven de dar a aprobación inicial á ampliación do polígono industrial de Toedo, na Estrada, tras superar os trámites medioambientais.
O proxecto está incluído na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia. A ampliación de Toedo pasa agora á fase de aprobación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
José López, alcalde da Estrada, explicou que o polígono aumentará a superficie en en 160.000 metros cadrados. López engadiu que ante “o despegue empresarial” que está a experimentar a zona nos últimos anos, con varias firmas asentándose no terreo do polígono estradense, estas actuacións permitirán “solucionar a falta de solo empresarial e conlevarán a xeración de emprego e riqueza no noso municipio”.
Ademais desta actuación, o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia tamén incorpora a modificación do ámbito da Cidade do Moble para facer viable a súa construción.
Na actualidade a ampliación do polígono de Toedo atópase en fase de exposición pública e poderanse presentar alegacións durante dous meses. Unha vez aprobado definitivamente, coa conseguinte conversión do solo rústico a solo urbanizable industrial, será integrado no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e permitirá desenvolver logo os trámites para a urbanización desas zonas.