Bisbarra, 19 de novembro do 2024 – Preocupación polo estado de conservación do Pazo e a Torre de Guimarei na Estrada. O BNG volve a pedir que pasen a titularidade pública.
Tanto Torre como Pazo de Guimarei son un Ben de Interese Cultural, BIC, e os nacionalistas queren que o goberno municipal inste á familia propietaria a que os coide como tal e a Xunta de Galicia a que vixíe que se faga.
Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices, “antes do verán alertamos ao alcalde no pleno indicándolle que a Torre e o Pazo estaba rodeado de millo até as súas mesmas marxes; o alcalde contestou que se reuniría cos propietarios despois do verán”.
Reices continúa dicindo que “pasou o verán e reiterámoslle a situación noutro pleno contestando que falara por teléfono coa familia propietaria, pero non quedaron en nada concreto. Resumindo: os propietarios da Torre e o Pazo de Guimarei non só se rin do alcalde, senón tamén de todos os veciños e veciñas do noso concello”.
O concelleiro e voceiro nacionalista explica que “A situación da Torre e o Pazo é insostíbel non é tolerábel. Mentres os propietarios deste BIC, que se deteriora cada día a día, pasen olimpicamente de todo e o alcalde mira para outro lado”.
“Por iso”, engade Reices, “instamos ao alcalde a denunciar diante de patrimonio a situación deste Ben de Interese Cultural, e como xa indicamos noutra ocasión, hai base xurídica para expropiar a Torre e o Pazo de Guimarei”.
O voceiro do BNG engade que “é o momento de que o alcalde presione á Xunta e en concreto ao Conselleiro de Cultura, anterior alcalde do noso concello para que este BIC estea en condicións e sexa visitábel e se é o caso pase a titularidade pública”.
O concelleiro do BNG explica que o PP ten dúas varas de medir cando se trata de defender o interese público. “Unha para os poderosos, como é o caso dos propietarios da Torre eo Pazo de Guimarei, aos que non se lles molesta para nada”, explica Reices, “e outra para os veciños e veciñas, sobre os que cae todo o peso da lei, sen importarlle as consecuencias e as súas circunstancias persoais”.
“É hora de actuar para salvar a Torre e o Pazo de Guimarei”, afirma Reices, “xa se acabou o tempo de mirar para outro lado”.