Trazo, 21 de decembro do 2021 – Deputación e concello de Trazo asniaron un convenio para a reparación e mellora de diversas estradas dependentes do organismo provincial.
O convenio permitirá o arranxo das estradas afectadas polo desvío de tráfico da obra realizada na DP-7804 para construír unha ponte sobre o rego Gatofero. O convenio foi asinado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, a alcaldesa do de Trazo, Josefina Suárez, e o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro.
A través deste acordo, o ente provincial dedicará 142.721 euros á reparación das vías do concello afectadas polo desvío provisional durante a execución das tarefas para crear unha nova ponte sobre o rego Gatofero na DP-7804.
As actuacións levaranse a cabo en dous tramos. O primeiro deles vai de Ponte Albar a Chaián (2,4 quilómetros), un itinerario no que se repararán fochancas e afundimentos ocasionados polo incremento do volume de tráfico neste vial. Tamén se realizará un dobre tratamento superficial en toda a plataforma. Así mesmo, repararase a canalización danada, un tramo de beiravía e, para completar a actuación, instalarase sinalización horizontal e vertical.
Por outra banda, realizaranse tarefas de acondicionamento da vía que conecta o cruzamento de Chaián coa ponte sobre o Río Tambre, ao longo de 1,3 quilómetros. A plataforma, que contaba cun pavimento de mestura bituminosa en quente, será obxecto das tarefas de reparación co fresado e reposición das zonas deterioradas, estendendo finalmente un microaglomerado en frío en todo o seu ancho. Tamén se arranxarán os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e o tramo de canalización afectado. Por último, refaranse un pozo e un sumidoiro e instalarase nova sinalización. Está previsto que as tarefas se leven a cabo nun periodo de cinco meses.