Bisbarra, 15 de outubro do 2021 – A Deputación da Coruña saca a licitación por importe de 1,16 millóns de euros as obras para ensanchar e mellorar a estrada de Santiago a Val do Dubra.
Trátase dun dos proxectos con maior orzamento do departamento de Vías e Obras da Deputación durante o presente ano. Permitirá mellorar de forma substancial a seguridade nun tramo de tres quilómetros e medio dunha vía que conta cun elevado volume de tráfico ao conectar o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da DP-0701 en Val do Dubra.
A través desta actuación ampliarase a plataforma da vía ata os 9 metros de ancho, contando con 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes. Os traballos tamén inclúen a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación da plataforma. Á súa vez, instalarase un sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotarase á zona de nova sinalización horizontal e vertical.
As obras contan cun prazo de execución de 12 meses e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 2 de novembro.
Nova ponte sobre o rego Gatofero
A acción dá continuidade ás melloras realizadas previamente nesta estrada provincial coa construción dunha nova ponte sobre o rego Gatofero, no punto quilométrico 19+720, que supuxo un investimento de 325.728 euros.
A Deputación demoleu a antiga ponte, que contaba con só 6 metros de ancho que resultaban insuficientes para a nova sección do vial, e construíu un novo viaducto con catro vigas doble T de 25 metros de lonxitude e 12 metros de ancho, dos que 9 son de calzada e 3 de beirarrúas, que se ubican en ambas as dúas marxes.