Bisbarra, 4 de maio do 2022 – A Deputación da Coruña financiará un proxecto de obras no Camiño Inglés cun investimento previsto de 435.000 euros.
Trátase dunha petición realizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés. O proxecto inclúe un investimento medio de 25.000 € en cada un dos 16 municipios que integran a asociación e que se destinarán a actuacións de mellora da sinalización, alumeado, pavimentación e seguridade
o presidente da Asociación, Manuel Mirás, explica que “Agardamos que a Deputación poida sacar o proxecto a licitación nuns 60 días para poder telo adxudicado nun prazo de tres meses e medio e poder acometer as obras este mesmo ano”.
Unhas actuacións que terán un carácter homoxéneo nos dezaseis municipios, como exemplifican os paneis informativos que se van instalar. Trátase duns paneis de madeira que se emprazarían na entrada de cada un dos concellos e que acheguen información de utilidade para o peregrino sobre que recursos de interese patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico poden ser do seu interese ao paso da ruta Xacobea. Unha información dispoñible en galego, castelán e inglés, cunhas dimensións e imaxe conxunta para todos os municipios.
Procedemento
Grazas a este acordo, a Deputación da Coruña encargarase de aprobar o expediente administrativo de contratación, así como os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas, sacalo a licitación e facer a correspondente proposta de adxudicación. Unha vez formalizado o contrato coa entidade adxudicataria, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés encargarase da execución e pago das obras.
O proxecto técnico conta cun orzamento inicial de 435.893,79, dos que o 78% procede dunha achega da Deputación da Coruña e o resto corresponde a achegas dos dezaseis municipios que integran a Asociación de Concellos do Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.
