Compostela, 09/07/2026 – A Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago acolleu o acto de entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED). Unha certificación que alcanzan este ano 151 empresas da cidade.
O certificado SICTED
Son vinte empresas máis que no 2025 e case triplican as do 2018 cando eran tan só 60; un dato moi relevante porque o certificado ten unha validez de dous anos polo que hai que renovalo mantendo o nivel de calidade.
O SICTED non é unha certificación exclusiva da provincia, é unha cualificación de ámbito nacional. O Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, SICTED, trata da mellora da calidade dos diferentes destinos turísticos en España co obxectivo de ofrecer ao turista dentro dun mesmo destino un nivel de calidade homoxéneo nos servizos.

En resumo o que se busca é que os niveis de calidade sexan similares en calquera punto de España. Si un local conta coa certificación SICTED o usuario sabe, estea no lugar que estea, que se compren uns mínimos de calidade e eficiencia.
As entidades que se comprometen a participar no proxecto SICTED teñen á súa disposición boas prácticas voluntarias diferenciadas por 35 oficios do sector turístico, formación e asistencia técnica. Os que superan a avaliación dos estándares de calidade obteñen un distintivo “Compromiso de Calidade Turística”. As empresas comprométense en formase e aplicar melloras cada ano. Por este motivo o distintivo é válido para un máximo dous anos.
Entrega de certificados
No acto de entrega participou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, xunto á concelleira de turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o representante de Unión Hotelera Compostela, José Antonio Liñares.
Regueira felicitou ás empresas polo recoñecemento, “unha mostra do voso compromiso coa calidade, coa sustentabilidade e coa mellora continua. Este distintivo recoñece o camiño percorrido, pero tamén a vontade de seguir mellorando”.
Pola súa banda, a concelleira de turismo Míriam Louzao destacou que “a calidade é unha ferramenta necesaria para desenvolver un novo modelo turístico na cidade, que aposte máis polo valor engadido que polas meras cifras. Neste sentido, se queremos continuar posicionándonos como un destino global de calidade, precisamos contar cunha oferta de calidade.”
No acto fíxose unha pequena presentación do novo SICTED, no que a sostibilidade e a intelixencia turísticas pasan a ter un papel central, promovendo así a mellora continua dos destinos a través do traballo coordinado cos servizos turísticos, coa implantación de boas prácticas centradas na sostibilidade social, económica e ambiental e na calidade, como piares estratéxicos do desenvolvemento do ecosistema turístico de Santiago de Compostela.
