Lalín, 14 de decembro do 2018 – O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai construír unha nova senda peonil na contorna da Carballeira de Barcia, dentro do concello de Lalín.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou o proxecto ao tenente de alcalde Nicolás González e subliñou que o investimento da senda peonil alcanzará os 150.000 euros. Na reunión, Benítez explicou que o proxecto pretende mellorar as condicións de seguridade nas que transita a veciñanza da zona cara ao local social de Barcia, un equipamento público no que se celebran diversas actividades de atracción de poboación.
A senda peonil e ciclista terá unha lonxitude de 400 metros e un largo de 2,5 metros, seguindo os novos criterios de actuación nas vías provinciais da Deputación. A verea terá un treito de xabre e outro de formigón coloreado e transcorrerá en paralelo á estrada provincial balizada por luminarias para finalizar nas inmediacións do local social nunha praza de xabre que permitirá utilizar o espazo exterior da construción. Prevese, así mesmo realizar actuacións de calmado de tráfico, instalando un paso de peóns sobreelevado e construíndo dúas plataformas elevadas de prioridade peonil nos extremos do percorrido, coincidindo coas interseccións da estrada provincial cos viarios municipais.
Tamén será fundamental a actuación de mellora da drenaxe da vía, xa que nestes momentos existen gabias en terra que evacúan as augas pluviais na calzada, facéndose necesaria a construción dunha rede de sumidoiros na marxe dereita e unha cuneta na parte esquerda. Por outra banda, tamén se mellorará a iluminación da zona, así como o mobiliario urbano e a sinalización horizontal e vertical.
O tenente de alcalde, coñecido o proxecto manifestou a súa satisfacción porque vai a ser unha realidade en breve e manifestou que o concello traballará para poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios. Este paso, a entrega das fincas afectadas, será obrigatoria para poder logo aprobar e asinar o convenio de colaboración entre ambas administracións, que establecerá que o financiamento da obra irá nun 80% con cargo ás arcas provinciais en un 20% ás municipais.