Bisbarra, 15 de novembro do 2024 – O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron a cesión por parte do ente provincial da estrada que vai dende A Condomiña ata Bugallido.

O obxectivo é que a estrada provincial pase a ser de titularidade municipal. O goberno de Ames presentou xa na Deputación o proxecto de mellora desta estrada, que ten un custo de 1.299.355,31 euros, que será financiado polo ente provincial.
En outubro, o presidente da Deputación, Valentín González, mantivo unha xuntanza co alcalde de Ames, Blas García, durante a visita ás obras de mellora da avenida da Maía e aos traballos de recuperación do campo de fútbol de Ortoño.
Durante o encontro o rexedor municipal solicitoulle ao presidente da Deputación a transferencia da estrada, que actualmente é provincial, entre A Condomiña e Bugallido, para que pase a ser de titularidade municipal.
O alcalde, Blas García, explica que “isto permitirá poder facer diferentes actuacións de seguridade viaria nesta estrada sen ter que pedir permiso á Deputación, e polo tanto axilizando os prazos de xestión e execución”.
O obxectivo é a mellora e ordenación do trafico, ademais da execución de sendas en ambas marxes da estrada. Crearase un viario de sentido único, mediante a pavimentación con 6 centímetros de aglomerado en quente con sendas a ambos lados e unha plataforma intermedia compartida, formadas por 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón.
Baixo a senda canalizaranse as pluviais e o alumeado público. Finalmente contemplase a sinalización horizontal co pintado de símbolos e liñas de bordo e a sinalización vertical coa colocación de sinais de sentido único.
Mellora das beirarrúas
Ademais, a través de dito proxecto vaise executar a mellora das beirarrúas existentes e a execución de novas beirarrúas con 15 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón e delimitadas por un bordo de formigón.
Dita actuación executarse no tramo que vai de Ortoño (P.Q. 1+190) a Bugallido (P.Q. 2+500). Baixo as beirarrúas canalizaranse as pluviais e as arquetas prefabricadas de alumeado. No tramo final de 230 metros contemplase a ampliación do viario existente ata os 6 metros e a súa pavimentación con con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo fresado firme existente e previa ampliación con 15 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Mellora do firme
No tramo viario que vai de Ortoño (P.Q. 1+190) a Bugallido (P.Q. 2+270) vaise a mellorar o firme existente con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente. Ademais, contémplase a mellora do firme dende Bugallido (P.Q. 2+500) a DP-0205 (P.Q. 3+130) con 6 centímetros de aglomerado en quente. Finalmente contemplase a sinalización horizontal co pintado de símbolos e liñas de bordo.