Negreira, 30 de xaneiro do 2019 – A Deputación da Coruña inicia os trámites de expropiación das obras de ampliación do segundo tramo da estrada DP 5602 Negreira Pontenafonso.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, co que abordou o estado de diferentes obras de mellora de estradas que financia a institución provincial no municipio. Jorge Tuñas explicou que, tras varios meses de negociacións coa veciñanza para intentar conseguir a cesión dos terreos necesarios para acometer a segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira Pontenafonso, non se conseguiu que a totalidade dos veciños cederan os terreos, o que simplificaría os trámites administrativos e axilizaría a execución das obras. Por iso será necesario levar a cabo un expediente de expropiación, que a Deputación “activará de inmediato” para acometer esta obra, que pretende anchear a plataforma da calzada nun tramo de aproximadamente tres quilómetros que vai do pk 6,360 á ponte de Barbazán.
A Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millones de euros. Estes traballos incluíron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro. O obxectivo desta segunda fase é facer o vial máis seguro para os numerosos vehículos que circulan cada día e adaptar o ancho da plataforma ao xa executado nos primeiros seis quilómetros.
Nova senda entre a rúa Malecón e Abeanca
González Formoso anuncioulle ao alcalde o inminente inicio das obras de construción dunha senda peonil na DP 1302 entre a rúa Malecón de Negreira e o núcleo de Abeanca.
As obras, que xa foron adxudicadas por 54.445 € darán comezo nas primeiras semanas de febreiro e consistirán na construción dun itinerario peonil de formigón de case medio quilómetro de lonxitude que mellorará a seguridade dos viandantes.
Para elo levarase a cabo previamente a demolición dos pavementos e pasos salvacunetas existentes, así como o desbroce da superficie, retirando a maleza e árbores existentes na zona.
O primeiro tramo da senda contará con novas beirarrúas pola marxe esquerda, con ancho variable en función do espazo dispoñible. O segundo tramo, que discorrerá pola marxe dereita (no esquerdo xa hai beirarrúas) diporá dun ancho total de 1,20 metros, discorrerá a unha cota lixeiramente inferior á da estrada e contará con sistema de recollida de pluviais. Finalmente no terceiro tramo, na zona máis urbana, a beirarrúa discorerrá pola marxe esquerda. Todas as obras están adaptadas para garantizar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas.
As sendas peonís no Camiño, en fase de expropiación
A Deputación da Coruña ten ademáis en fase de expropiación as obras de construción de 5 quilómetros de beirarrúas na DP5603, de Negreira a Marco do Condado, pola que discorre a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía
A Deputación destina 1.012.495 euros a este proxecto, dos cales 893.378 corresponden ao orzamento das obras e outros 119.116 euros á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.
Este investimento realízase dentro do Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.
As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.
As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme especial, brando e cómodo para camiñar longas distancias.