Aínda coa lembranza dese espectáculo total que é o AVENGERS: ENDGAME dos irmáns Russo moi presente, seguimos na procura dunha boa estrea para darvos unha oferta de lecer cara este fin de semana coma opción a tanto soma catódico que abunda na actualidade. Un documental e dúas longametraxes completan a nosa aposta desde venres.
E na entrada da crónica de hoxe a estrea do mediometraxe DEVIL AT THE CROSSROADS (2019) de Brian Oakes, moi áxil conto sobre a mítica figura de Robert Johnson, guitarrista que sentou as bases do Blues contemporáneo cunha dixitalización no mastro da súa guitarra nunca antes vista nin escoitada.
Oakes, formado no mundo das artes gráficas e dixitais, compón unha moi elaborada narración dende o punto de vista visual, coma unha proposta artística nada usual no campo do documental. Non é por contra moi esclarecedor na información que ofrece sobre o músico (nada que non saibamos), pero tampouco preténdeo.
O documental vese ben polas testemuñas impagables doutros músicos tan recoñecidos coma Keith Richards, Eric Clapton, Bonnie Rait ou Taj Majal entre outros, que recoñecen a tremenda influencia que tivo sobre eles ou outros mitos do Blues, coma Muddy Waters ou BB King, por exemplo.
Coma punto de moito interese as explicacións da orixe da música negra (foi nas plantacións de algodón, no Mississippi máis racista; e non nas igrexas, onde demonizaban dito estilo musical), que fan os propios estudosos e contemporáneos de Johnson, que a lenda conta que pasou de ser un mediocre “bluesman” ao mellor músico da Historia do Blues, coma premio por vendela súa ánima ao Demo (nun cruce de camiños).
Ao marxe do folclore popular dos mitos e lendas, o cine xa rozou esas traxedias satánicas naquela curiosa película que dirixiu Walter Hill no 1986 titulada CROSSROADS; moi considerada por todos eses músicos debedores dos acordes eléctricos de Steve Vai, pero que nós aquí recomendamos pola excelente partitura que Ry Cooder compuxo para o filme.
Moi recomendable para os amantes do Blues, pero tamén para aqueles que queiran saber máis daqueles anos de principios do Século XX na profunda e racista sociedade sureña estadounidense. Non chega a excelencia documental dun Ken Burns, pero coma petisco inicial, ben saboroso que é.
E coma segundo envite, a estrea na grande pantalla do filme KEEPERS (2019) do danés Kristoffer Nyholm, profesional da pequena pantalla que tenta levar a bo porto, o acontecemento real nunca aclarado dos tres fareiros da illa de Flannan que no decembro de 1900, esvaecéronse coma a Santa Compaña entre as néboas.
Nyholm expón con moito tino unha moi curiosa hipótese que coma argumento cinematográfico vai da man das xélidas e grises imaxes que gozamos neses horizontes que mestúranse entre mar e ceo. O filme, insistimos é unha moi interesante historia onde o magnífico actor Peter Mullan domina ao tiros da cámara coa súa ollada. Xa sabedes que non ai nada máis difícil para un actor que interpretar só coa linguaxe corporal, sen diálogos (que tamén hainos) e na comparativa con Gerard Butler sae triunfante por moito.
O filme ten a presenza crúa desas historias de homes rudos endurecidos polo entorno, xa vistas noutras longametraxes coma a memorable STRAW DOGS (1971) do grande Peckinpah ou a máis próxima no tempo, a escocesa CALIBRE (2018) do británico Matt Palmer e que tan boa impresión causounos coma xa escribiramos na crítica do pasado 7 de agosto do 2018.
KEEPERS leva boa nota no conxunto das súas calidades (a fotografía de Jorgen Johansson é dun clasicismo académico sinxelamente magnífico) e se no documental dábamos por bo as propostas orixinais de Oakes, nesta ocasión subímola nota final ata un moi merecido notable, nunha película que ten a dificultade engadida de ter un marco físico moi limitado no que filmar e cunha historia, a priori, moi pouco fascinante, pero que conforme avanza o súa metraxe vai crecendo na intensidade dramática.
Recoméndoa con gusto.
E coma remate, a excepcional película do malogrado Bo Hu, AN ELEPHANT SITTING STILL (2018), que adapta unha serie de relatos curtos escritos polo propio cineasta na súa xuventude e que mételle unha goleada de escándalo aos censores chineses dunha maneira excepcionalmente brilante a pesar dos escasos medios cos que contou na rodaxe.
Hu, conta catro historias entrecruzadas doutros tantos habitantes dunha cidade engulida nun cinto industrial, desfeita pola polución, o feismo urbano, e os incribles contrastes que dende vai xa moitos anos a China continental ten gala (e os seus dirixentes) mostrar coma algo digno de eloxio.
O certo é que as catro horas que dura o filme fanse ata curtas por todo o que Hu tenta amosarnos, usando con moita habilidade os planos-secuencias que alivian as duras secuencias das que somos testemuñas.
Teño que recoñecervos que a idea orixinal que tiña para expor esta crítica era a de realizar unha moi traballada e documentada crítica do filme. Sóeme pasar que coa documentación que recollo dos filmes dos que vou escribir, podo facer case unha disertación académica (estoume a dar máis importancia do que debería, e por iso pido escusas por fachendear ante vós). Se coméntovos isto e por que considero que este tipo de cine outrora chamado de “arte e ensaio” merece unha consideración maior do que na maioría das ocasións as miñas escasas capacidades son capaces de dar.
Prefiro nesta oportunidade e sen que sirva de precedente, recomendarvos ao 100% o visionado do filme sen moitas máis explicacións. Se os fiades de min, despois de case tres anos de compaña no Xornal Lindeiros, non perdades a oportunidade de gozar non só dunha das mellores películas do ano, senón tamén da mellor película chinesa nos derradeiros lustros.
É dura, si; pero paga a pena con creces.
Máis nada, estimados lectores. Non deixedes de acudir aos cinemas.