Compostela, 29 de xaneiro do 2019 – Nunha rolda de prensa traballadores do colexio Juniors e representantes sindicais insistiron na situación de impagos e incumprimentos que seguen a vivir.
Según explicaron ademais de continuar a situación de impagos, de varios meses nalgúns casos, a maioría do profesorado do Juniors está cobrando por debaixo da contía salarial que lle correspondería por convenio.
O responsábel comarcal da CIG Ensino, Rubén F. Monteagudo, cualificou a situación do colexio como “lamentábel”, após pasar nos últimos anos dunha matrícula de 150 alumnos/as a 40, afrontar un ERE e ter as instalacións en pésimo estado. Neste sentido, incidiu en que “ os arredor de 20 traballadores/as do centro son as principais vítimas da mala xestión do administrador” e apuntou que, malia estar negociando desde comezos de curso para buscar unha solución ás múltiples irregularidades laborais que se produciron, a situación lonxe de resolverse, nalgúns casos é de “total emerxencia”.
Na rolda de prensa criticouse duramente as informacións difundidas desde a administración do colexio “Non aceptamos que se nos trate de mentireiros e de que se tilden as nosas denuncias de falacias” indicaron. No caso de tres das traballadoras presentes, a fundación adebédalles entre tres e catro meses de salario. Así mesmo, tamén compareceron outros docentes que deixaron o centro, algún deles despois de moitos anos de vinculación laboral, ante a situación insostíbel nos últimos meses.
Nestes momentos, a CIG-Ensino ten constancia de que hai tres profesores/as máis que non cobraron o mes de decembro e que o resto están cobrando unha “tarifa plana de 1.200 euros mensuais, o que incumpre claramente o convenio ao conter xa as pagas extras prorrateadas e ao estar moi por debaixo do salario estipulado para as categorías de profesorado de Primaria ou Secundaria”, salientou Rubén F. Monteagudo.
Unha situación inédita
O Colexio Juniors chegou a ter cerca de douscentos alumnos en algunha época. No pasado mes de xuño, ante a chegada dunha nova administración, 115 alumnos déronse de baixa según algunhas versións porque tiñan referencias da xestión realizada polos novos propietarios en outros centros e non concordaban con ela.
Na actualidade o centro ten tan só 45 alumnos. No mes de setembro o antigo claustro de profesores incorporouse para o novo curso encontrándose con que se contrataran 20 profesores novos. A partir de aí comezaron os problemas de impagos e de non asignación de tarefas, debido na práctica a existir máis dun docente para o mesmo posto. Estes feitos acabaron por facer que algúns decidiran marchar e que outros foran despedidos de xeito irregular nunha reunión.
CIG Ensina solicitou a Inspección de traballo que abrira unha investigación que só dou como resultado unha solicitude de información polo que volverán a insistir en que se faga algo.
O sindicato tamén reclama a actuación da Consellería de Educación para que comprobe si se cumpre toda a normativa.