Compostela, 21 de febreiro do 2022 – Hoxe luns, 21 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999.
A Xunta de Galicia organizou unha actividade este domingo, no anfiteatro da Cidade da Cultura, para conmemorar esta data. O Día da Lingua Materna contou coa presenza do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, O Director Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e como artistas convidados Tanxugueiras e Trotaventos.
Usar o galego
Os obxectivos do Día Internacional da Lingua Materna son promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa en Galicia e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.
A actividade do Gaias implicaba aos nenos e as súas familias. Un breve acto institucional e as actuacións de Tanxugueiras e Trotaventos protagonizaron o evento.
Chamou a atención a resposta dos cativos ante as preguntas das Tanxugueiras “cantos falades en galego?” e “cantos o ides a falar a partir de agora?”. Onúmero de mans alzadas foi claramente maior na segunda resposta que na primeira o que da idea da forza dun fenómeno como o de Tanxugueiras para facer crecer o uso do galego.
Lingua materna
A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet… fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas.
O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
A UNESCO lémbranos que “os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta”.
