Compostela, 30 de decembro do 2021 – A Catedral de Santiago é a protagonista esta semana ao recibir un premio das cidades patrimonio da humanidade e acoller a entrada do Xacobeo 2022.
Este venres a Catedral vivirá unha actuación de luz e cor coa música de Carlos Núñez. A Catedral de Santiago acollerá unha actuación de luz, cor e música para dar a benvida á segunda parte do Xacobeo. Efectos especiais 3D, cor e son e servirá para darlle a benvida ao segundo Ano Santo.
O acto estará conducido polo gaiteiro Carlos Núñez e será retransmitido pola TVG e a través das redes sociais. Tamén poderá seguirse nas redes das Oficinas de España no Exterior (OETs) de Frankfurt, Munich, Bruxelas, A Haia, Londres e Bos Aires, ademais de difundirse a información e a retransmisión do acto ás asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e centros galegos repartidos polo mundo
O obxectivo é darlle a benvida ao segundo Ano Santo deste excepcional Xacobeo e lembrar que a Porta Santa seguirá aberta durante os vindeiros 365 días.
O acto dará comezo a partir das 18,15 horas da man de Carlos Núñez, que interpretará tres temas musicais, o primeiro deles acompañado polo músico galego Xabier Díaz. As notas destes internacionalmente recoñecidos artistas terán apoio audiovisual que se proxectará sobre a fachada da Quintana e que servirán de antesala do espectáculo audiovisual co que se iluminará a fachada da Quintana a través dun videomapping que incluirá luz e cor, así como efectos sonoros e de 3D con obxectivo de lembrar a continuidade deste Xacobeo e convidar aos peregrinos do mundo a seguir camiñando a Galicia durante o 2022. O acto rematará cunha actuación musical a cargo da Real Banda de Gaitas de Pontevedra.
O comezo oficial da segunda parte deste Xacobeo contará coa participación de autoridades e entidades convidadas vencelladas co Camiño de Santiago, ademais de que o público que así o desexe poderá achegarse ata a Praza da Quintana para ver o evento en directo.
Premio das Cidades Patrimonio da HUmanidade
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España entregou o Premio Patrimonio, na súa décimo cuarta edición, á Fundación Catedral de Santiago de Compostela. Trátase dun premio co que o Grupo recoñece a importancia do proxecto de restauración e rehabilitación do conxunto histórico monumental da Catedral de Santiago de Compostela.
O presidente do Grupo e alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez Osuna, viaxou a Santiago para facer entrega do galardón e subliñou que “este prestixioso Premio Patrimonio recoñece o importante traballo de restauración e rehabilitación do conxunto histórico-monumental da Catedral de Santiago de Compostela. A Fundación Catedral, cuxo padroado está presidido polo Arcebispo de Santiago de Compostela, puxo en marcha en 2008 o maior proxecto de restauración da Catedral de Santiago do últimos oito séculos e destaca a conservación e restauración do Pórtico da Gloria, obra cume da arte universal”.