Bisbarra, 4 de novembro do 2020 – O concello do Pino pecha durante dez días a casa consistorial ao dar positivos por Covid 3 traballadores.
O Sergas citou as outras 6 persoas que traballan nestas dependencias para facer as probas do Coronavirus, dando todas elas negativo. O alcalde consultou a medida cos portavoces dos tres grupos políticos presentes na Corporación, que apoiaron o peche da casa consistorial como medida para preservar a saúde de todos os traballadores e evitar a propagación da pandemia.
A veciñanza do Pino que precise resolver algunha xestión urxente durante estes dez días poderán chamar á casa de cultura (teléfono 981 511 065), dende onde tentarán atender as súas demandas, na medida do posible. As instalacións do centro sociocultural Luís Seoane seguirán funcionando con normalidade, xa que só se pechan as dependencias da casa consistorial situada na praza do Concello.
A Área Saniaria segue á baixa
Na Área Sanitaria as novas son boas xa que o número de positivos segue baixando e pasou de 1360 o día 2 a 1348 onte martes. En canto a clasificación dos concellos según o nivel de alerta os cambios son constantes. Ames, Santiago, Teo e Ordes ven como Boqueixón súmase a lista e a abandona A Estrada. En laranxa están o mencionado concello da Estrada, que deixa o nivel 3; Lalín que tamén deixa o cor vermello, Silleda que parece estabilizar os novos gromos, e entran Arzúa e Porto do Son que estaban en amarelo. En Amarelo atopamos a Padrón e Rianxo que estaban en verde; Muros que estaba en laranxa; e Brión, Noia, Ribeira, Boiro e Vedra que parecen ter controlados o número de positivos.
Os casos nos colexios terán un seguimento específico
Os centros de ensino da Área Sanitaria seguen subindo e pasan de 153 positivos o 31 de outubro a 160 onte martes, o número de aulas pechadas baixa de 5 a 4.
A Xunta de Galicia porá en marcha nos vindeiros días, unha unidade específica para atender aos centros escolares no seo da Central de Seguimento de Contactos (CSC). Onte reuníanse os conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, para detallar o funcionamento desta nova unidade da CSC que se suma á aplicación EduCovid e ao protocolo Auto Covid Escola.