Bisbarra, 14 de xuño do 2021 – A Plataforma Mina Touro O Pino NON cedeu o espazo da súa pancarta na Alameda de Santiago para que a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos colocara a súa.
Foi un xesto de colaboración que representa a unidade entre distintos colectivos que loitan por un territorio limpo e sostible. A Plataforma Mina Touro O Pino NON agradeceu nun comunicado o apoio recibido da cidadanía de Santiago “Temos moito que agradecer a esta cidade e as súas xentes, non foron só estas pancartas, aquí recollemos firmas, puxemos mesas informativas, visionáronse documentais …e sempre nos acolléstedes con cariño e empatía”.
Pero era o día de defender a Casalonga e o comunicado dos veciños de Touro así o recolleu “Hoxe, hai outros veciños que precisan alzar a súa voz, as xentes de Casalonga, compañeiros na Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre, visibilizarán dende este lugar tan principal a súa problemática. Forza e sorte compañeiros!”
Unha protesta en diferido
A protesta da Casalonga agardaba desde hai un ano como eles mesmos explicaron “Cando o confinamento chamou ás nosas portas en marzo de 2020, a veciñanza da Casalonga tiña previsto saír ás rúas de Compostela para reclamar respostas á súa situación. A situación sociosanitaria fixo que naquel momento a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos considerara o adiamento sine die daquela convocatoria. O día chegou un ano e tres meses despois”.
A mobilización deu comezo ás 8.00h co peche autorizado da pista cuxa titularidade vén sendo outra fonte de conflito nos últimos meses. Dende alí, un grupo de máis de 200 persoas saíron a pé polo camiño portugués para reunirse ás 12.00h na Alameda de Santiago co resto da veciñanza que acudira ata alí en autobuses ou polos seus propios medios.
Unha vez na Alameda tivo lugar o simbólico traspaso do lugar que ata entón ocupara a pancarta contra a Mina de Touro para deixar paso a unha nova colocada pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
Desde alí dirixíronse a Praza da Quintana onde se leu un manifesto e agradeceuse o apoio de máis de cen colectivos.