Bisbarra, 2 de novembro do 2021 – A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra veñen de poñer en marcha o obradoiro dual de emprego “Promoción 2021”.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, foi o encargado de inauguralo xa que en este caso foi ese concello o solicitante. O anterior, rematado en outubro, fora impulsado desde Negreira e participaran os mesmos municipios.
O obradoiro, que se desenvolverá durante nove meses ata o 27 de xullo de 2022, conta con dúas especialidades e un total de vinte alumnas e alumnos, cinco por cada concello. No caso da Baña, Isabel Cobas e María Asunción Rodríguez cursarán o certificado de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Pola súa parte, José Francisco Alfonso, Rocío Tuñas e Fernando Iglesias desempeñaranse en Operacións auxiliares en revestimentos contínuos.
Os traballos previstos comprenden o mantemento das área recreativas de Fiopáns, Chans e Chousa (Lañas), a creación dun parque micolóxico na finca Agro do Miñana no Barro, a limpeza e rozadoira da Vía Mariana e o revestimento da escola unitaria de Corneira.
O anterior obradoiro pendente dun xuízo
Aínda que non afecta á formación o anterior obradoiro, rematado en outubro, está pendente da resolución dun xuízo por acoso laboral. A demanda foi interposta pola administrativa en contra da seleccionada como directora do obradoiro. Dase a circunstancia que a demandada é concelleira do Partido Popular na Baña.
A demanda presentouse por vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas. os enfrontamentos entre administrativa e directora producíronse case desde o primeiro momento e, en varias ocasións, foron publicados nun grupo de whatsapp compartido por todos os profesores.
O xuízo foi retrasado en varias ocasións por distintos motivos e está aínda pendente de celebrarse.