Bisbarra, 2 de novembro do 2023 – O delegado do goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou o concello da Baña para reuniuse co alcalde, José Antonio Pereira, que reclamou máis presenza da Garda Civil e apoio na loita contra os proxectos eólicos.
Pereira, acompañado pola primeira tenente de alcalde Mónica González, pediu que se freen os dous parques eólicos previstos no concello “para garantir unha mellor calidade de vida no rural e evitar que todas as parroquias da Baña se vexan afectadas por estas infraestruturas”.
A esta demanda engadiron a dunha maior presenza da Garda Civil que garanta unha maior seguridade na zona e máis financiación para que os servizos sociais municipais poidan ser sustentables para as arcas municipais.
Inversións do IDAE e Turismo
Pedro Blanco pola súa banda falou do medio millón de euros de investimento que está a recibir o concello da Baña. Por unha banda os 394.546 euros que recibiu o Concello a través do IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) para a substitución da iluminación pública por outra máis eficiente.
A isto engádese o Plan ÚNICO-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos, e que posibilitará a chegada de internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 903 vivendas e empresas da localidade que antes non dispoñían deste servizo.
A estas actuacións hai que engadir outras partidas orzamentarias como os 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Terras de Santiago’ do Ministerio de Industria para a creación dunha aula gastronómica no municipio. A Baña forma parte deste plan xunto cos concellos de Vedra, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, que reciben en conxunto 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria,
CPI San VIcente
Aínda sendo competencia da Xunta de Galicia, as obras que se están a realizar no CPI San Vicente foron outros dos temas da reunión. José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle a Pedro Blanco os trastornos que está a vivir a comunidade educativa, sobre todo polas goteiras e falta de seguridade por non estar rematados os traballos a estas alturas do curso. Unha problemática que, tras a reunión, un grupo de pais e nais do colexio comentaron persoalmente co delegado do Goberno.