Bisbarra, 11 de xuño do 2019 – A Baña, Trazo e Santa Comba están a expensas das formacións máis pequenas, CxG en A Baña e Santa Comba teñen a chave do goberno e Somos Trazo é imprescindible para que BNG e Psoe poidan gobernar
A Baña coas feridas abertas
Psoe e CxG (4 e 2 concelleiros respectivamente) recoñecen que a xente votou un cambio en A Baña pero as feridas dos últimos catro anos de oposición dentro da oposición seguen abertas. Compromiso por Galicia di non entender o comunicado emitido onte polo Psoe. Por un lado non entenden que se lles pida unha resposta cando deixaron clara a súa postura nunha reunión o 30 de maio; postura que pasa por ter a alcaldía. Consideran que a caída en votos dos socialistas, 28 menos, implica uns malos resultados que reforzan a idea de que o cambio ten que pasar por eles. Tampouco entenden que fora José Manuel Lage, secretario de organización, o que acudira a negociar e non os concelleiros locais.
Si decidiran absterse ou votarse a si mesmos os concelleiros socialistas serían insuficientes para acadar a alcaldía o próximo sábado.
Trazo sen cambios
O cambio en Trazo pasa por Somos Trazo, un partido saído do PP local e que ten a chave do goberno. Con 2 concelleiros fronte a 3 do Psoe, 1 do BNG e 5 do PP eles son os que deciden. Ata o momento só mantiveron unha reunión cos socialistas que ambos os dous partidos recoñecen que foi de mero trámite. Somos Trazo péchase a emitir calquera información sobre o que votarán na investidura e aseguran que esta semana volverán a falar cos socialistas. De votarse a si mesmos a suma de BNG e Psoe sería insuficiente e o PP volvería a gobernar.
Santa Comba empatada
En Santa Comba hai un empate técnico a 6 concelleiros entre PP e Psoe. O único concelleiro de CxG pode decidir apoiar a calquera dos dous ou deixar que sexa a lista máis votada, o PP, a que goberne. Desde Compromiso explican que dado o empate falaran coas dúas forzas.
Cambiar todo para que nada cambie
A frase resulta tópica pero podería facerse realidade. Os resultados deixaron abertas portas de cambio en case tódolos concellos pero a decisión de gobernar está en mans dos que teñen menos votos. É certo que si seguira gobernando o PP en estes concellos tería que facelo nunha situación moi complicada, en minoría, algo ao que non están acostumados; pero sería para os populares un éxito no principio da lexislatura.